
Na mañá deste xoves 30 de xullo a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitaba o concello de Parada de Sil, para comprobar as actuacións levadas a cabo en soutos tradicionais, “traballos que se inclúen no Plan Piloto de Fomento da Xestión Conxunta de Soutos situados neste municipio para os que se destinou un orzamento de preto de 450.000 euros”, indican dende Medio Rural, explicando que esta iniciativa ten como obxectivo a “execución de traballos de recuperación de soutos tradicionais integrados na agrupación forestal conxunta Asociación de propietarios de soutos de Parada de Sil Canón do Sil, co fin de recuperar e revalorizar os terreos forestais de xeito colaborativo”.
Con esta finalidade, “puxéronse en marcha traballos de distinta índole sobre o terreo, como a roza, poda sanitaria, retirada de brotes secundarios, limpeza de biomasa en camiños de acceso, así como a mellora e acondicionamento dos mesmos, con roza mecanizada e manual, apertura de cunetas, obras de fábricas e firmes e reconstrución de muros”, indican dende a consellería. E con respecto á recuperación de soutos, “traballouse nunha poda de formación, poda sanitaria, eliminación de pes mortos e eliminación de brotes chupóns, é dicir, daqueles que consumen a enerxía doutras árbores”, puntualizan, explicando que se realizou ao longo dunha superficie total de 28,85 hectáreas, contando cos soutos do Castro, Fondo de Vila, Entrambosríos e O Valado/ Purdeus. “Do mesmo xeito, rozouse todo o terreo abarcado por estes”, engaden.
Na visita, a directora destacou a “importancia destes traballos para o fomento do asociacionismo dos propietarios destes soutos, así como para mellorar a xestión dos espazos forestais mediante o labor conxunto, cun enfoque sostible para recuperar e poñer en valor os terreos, impedir o seu abandono e previr incendios forestais, entre outros obxectivos”.
