EconomíaEconomíaÚltima hora

O Carballiño prepárase para bater de novo o récord mundial coa tapa xigante de 610 quilos de pulpo

Tapa xigante de pulpo o ano pasado.

 

O Carballiño quenta motores para vivir a partir do luns a semana grande da Festa do Pulpo, que culminará o domingo, día 9, coa 64ª Festa do Pulpo do Carballiño. Estes días pasarán pola vila milleiros de persoas que gozarán de gastronomía, así como das numerosas actividades previstas, que inclúen música, teatro, cine e mesmo deporte.

O martes, a Praza Maior acollerá unha das citas máis emblemáticas a partir das 20,00 horas: a elaboración da tapa de pulpo máis grande do mundo. Nesta 16ª edición, os pulpeiros e pulpeiras enfrontaranse ao reto de cortar 610 quilos de pulpo, 10 quilos máis ca na edición de 2025, para bater de novo o récord mundial. Para a súa elaboración empregaranse 8 quilos de sal, 55 litros de aceite e 3 quilos de pimentón doce e picante. O gran prato no que se realizará, no centro da Praza Maior, terá un diámetro de 5,37 metros.

A cita congrega a milleiros de persoas na praza da vila, que se achegan para animar aos pulpeiros na súa tarefa e, como non, para probar o pulpo. Os tickets pódense adquirir no posto colocado ese día pola Asociación de Pulpeiros do Carballiño na Praza Maior, a un prezo de 7 euros (inclúe a tapa, un vaso de viño, pan, postre, o prato como recordo, unha pulseira e un imán). A previsión da organización é repartir 1.800 tapas entre os asistentes.

DJ Tibu e Os Serandeiros encargaranse da ambientación musical da xornada, unha das máis esperadas en cada nova edición da Festa do Pulpo.

Música, cine e deporte

A programación da 64ª Festa do Pulpo arrancou a pasada fin de semana e inclúe unha ampla variedade de actividades de música, cine e deporte. Honte pola noite, a praza da Veracruz acollíao concerto de Burning, enmarcado no Festival Ou Yeah! Ademais da actuación do mítico grupo de rock, o evento contará coas propostas culinarias da asociación Cociña Ourense. A cita conta co patrocinio da Xunta e do Xacobeo 2026.

Hoxe, sábado 1 de agosto, celébrase o Día da Emigración. A cita arrancará ás 20 horas e contará co concerto de Carlos Bao&80 razones, tributo a Hombres G e El Canto del Loco, e o grupo Lo mejor del último.

Mañá domingo 2 de agosto, o grupo Hechizo de Nora e Nizam actuará na Praza Maior ás 20 horas. Ao día seguinte, luns 3, será o concerto de Amigos do Acordeón de Celanova, ás 20:30 horas na Praza Maior.
Despois da tapa, a programación continúa, o mércores, día 5, coa Banda de Gaitas Os Catro Ventos, que ofrecerá o concerto teatralizado na praza Maior ás 21 horas.

O xoves, día 6, será a Changaranga a que actúe polas rúas da vila, e tamén se levará a cabo a proxección da película “Lúas do setembro” de Carlos Montes na Praza Maior. Ao día seguinte, venres 7, actuará o Septeto Nabori, que tocará cancións de Cuba.

O sábado, día 8, a Casa Consistorial acollerá a recepción oficial das autoridades convidadas, chegadas desde Lanzarote -a quen se lle adica esta edición da Festa do Pulpo-, Alijó (Portugal), Mogán, Sevilla e Noventa Padovana (Italia). Xa pola tarde terá lugar a Festa das Camisetas na Praza Maior desde ás 18,00 horas. A cita contará coa ambientación musical de DJ Tibu e Batucarba.

Xa o domingo, o día grande, celebrarase a 64ª Festa do Pulpo a partir das 11 horas. Nas rúas da vila haberá ambientación musical desde esa hora con Castro Bello, Doctor Anchoa, Ademais dos postos de artesanía e das tabernas e pulpeiras, haberá ambientación musical con Castro Bello, Doctor Anchoa e Os Serandeiros. No Parque Municipal haberá música tradicional ata as 18 horas con Feitizo de Pau, Catro Ventos, As Mainas, Feixoada, Pataghullos e Oviravai. Ás 18 horas comezará a Festa da Xuventude e xa á noitiña, ás 21 horas, actuará a Orquestra Chanel na Praza Maior.

Prazo aberto para o concurso da Festa das Camisetas

O prazo de inscrición para o concurso da Festa das Camisetas permanece aberto ata o día 5. Os participantes optan a tres premios: o primeiro, de 300 euros; o segundo, de 200 euros, e o terceiro, de 100 euros. Ademais, se o deseño cumpre coas bases do concurso, os grupos poderán recibir unha compensación de 60 euros, ata esgotar o orzamento dispoñible. O deseño pode incluír debuxos, frases, imaxes ou calquera elemento gráfico, e debe facer mención a Lanzarote, a illa canaria a que se lle adica este ano a Festa do Pulpo.

Back to top button