
A Deputación de Ourense, a través do Inorde, vén de publicar o catálogo dixital de experiencias “Ourense Familiar”, unha ferramenta destinada a facilitar o acceso á riqueza natural, cultural, patrimonial e gastronómica da provincia mediante propostas adaptadas aos diferentes intereses, necesidades e modelos de familia.
O catálogo reúne 63 experiencias e cinco paquetes turísticos distribuídos por 33 concellos da provincia, superando así a previsión inicial de incorporar 50 propostas. As actividades están organizadas en oito categorías: animais; rutas e natureza; auga e lecer acuático; patrimonio e cultura; experiencias educativas; aventura e deporte; enogastronomía e experiencias locais; e paquetes turísticos.
A publicación deste catálogo culmina o proxecto desenvolvido arredor do portal www.ourensefamiliar.es, tamén accesible a través do dominio .com. A plataforma conta cun buscador avanzado que permite seleccionar as experiencias segundo a idade recomendada, o tipo de actividade, ou o concello.
A información está dispoñible en galego, castelán e inglés e incorpora indicadores sobre o grao de accesibilidade universal das propostas, a posibilidade de acudir con animais de compañía e a súa adaptación a nenos e nenas neurodiverxentes. O portal complétase con mapas interactivos, fichas descargables e a súa futura integración na Plataforma Intelixente de Destinos.
Propostas para os doce meses do ano
“Ourense Familiar” ofrece alternativas para diferentes épocas do ano e condicións meteorolóxicas, co obxectivo de reforzar a provincia como un destino familiar atractivo durante os doce meses e contribuír á desestacionalización da actividade turística.
Entre as propostas figuran encontros coa Asociación Andrea en Allariz; visitas ao Ecoespazo do Rexo; actividades de iniciación ao montañismo no Xurés; rutas para descubrir a fauna e a flora da provincia; ou o itinerario “2.000 anos nun día”, que une o xacemento romano de Aquis Querquennis coas termas de Bande.
O catálogo incorpora tamén experiencias de navegación polo Canón do Sil e o encoro de Castrelo de Miño, actividades de kaiak no Xurés, propostas no parque acuático de Pereiro de Aguiar ou escapadas á estación de montaña de Manzaneda.
O patrimonio e a cultura conforman o apartado máis amplo, cunha vintena de actividades. Nel inclúense visitas teatralizadas polo Ourense medieval, percorridos polos segredos das Burgas e de San Pedro de Rocas, experiencias arredor da vida nas aldeas da Raia, visitas a Santa Mariña de Augas Santas ou obradoiros de cerámica en Niñodaguia.
A oferta enogastronómica permite, entre outras posibilidades, converterse en “pequenos viticultores por un día” no Ribeiro, gozar dun pícnic entre viñedos, iniciarse na apicultura, elaborar pan en Cea ou descubrir os segredos do chocolate en Parada de Sil. Tamén se propoñen actividades nocturnas no Centro Astronómico de Trevinca, na Veiga, e sesións de ioga ou mindfulness en familia.

Colaboración co tecido local
A selección das experiencias é o resultado dun proceso participativo convocado pola Deputación de Ourense e xestionado polo Inorde, que permitiu poñer en valor o labor de pequenas empresas, persoas emprendedoras, entidades municipais e proxectos sociais das diferentes comarcas.
O proxecto busca favorecer a diversificación dos fluxos turísticos polo territorio, fortalecer a colaboración público-privada e apoiar iniciativas que contribúen á sustentabilidade económica e social do rural. Ao mesmo tempo, ofrece ao visitante unha forma próxima e respectuosa de coñecer a riqueza cultural, natural e patrimonial da provincia.
“Ourense Familiar” está enmarcado no eixe de dixitalización do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “Ourense colle velocidade: vilas históricas e termais”, desenvolvido dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, a través do Ministerio de Industria e Turismo e co apoio da Axencia Turismo de Galicia.