CulturaCulturaÚltima hora

A mostra “Tecendo Soños. Unha década fiando igualdade” inaugurarase o 5 de agosto na Veiga

Cedida.

 

Este mércores, 5 de agosto, ás 19.00 horas, na praza do Toural da Veiga terá lugar a inauguración da mostra “Tecendo Soños. Unha década fiando igualdade”, unha mostra que conmemora os dez anos de traxectoria do grupo de tecedeiras da Veiga e pon en valor a súa labor como exemplo de participación comunitaria e transmisión de saberes.

Segundo adianta o Concello, a inauguración contará coa presenza da directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloina Injerto, a concelleira de igualdade da Veiga, Ana María Álvarez Carriba, e do alcalde, Juan Anta, alcalde do Concello da Veiga, así como das protagonistas desta iniciativa, que durante unha década converteron o tecido nun espazo de encontro, aprendizaxe e fortalecemento dos vínculos sociais. A mostra percorre os momentos máis significativos destes dez anos de historia a través de pezas elaboradas polas propias participantes durante este tempo.

Esta iniciativa enmárcase nas accións de promoción da igualdade impulsadas polo Concello da Veiga, co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e o financiamento do Fondo Social Europeo Plus (FSE+), reafirmando o compromiso institucional coa igualdade de oportunidades e o desenvolvemento social no rural.

Tras a inauguración, o público poderá visitar libremente a exposición antes do concerto “Foliada Asalto” de Pesdelán, previsto para as 20.30 horas na Praza do Toural.

A actuación do espectáculo de rúa “Quimera”, da compañía Pablo Mendez, prevista para o venres 7 ás 22.30h., completa unha programación que nace con vocación expansiva, facendo da exposición o punto de partida dun conxunto de actividades culturais.

 

Back to top button