
David Martínez, presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), participaba neste 4 de agosto nunha reunión de traballo coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, na que se abordaban as principais necesidades e preocupacións das pequenas e medianas empresas (Pemes) e os autónomos da provincia e da comunidade.
Ao termo do encontro, Lorenzana destacaba o labor que desenvolven estas organizacións na representación e defensa dos intereses das Pemes e os autónomos de Galicia, subliñando o seu papel como interlocutores do tecido empresarial galego nun contexto marcado polos retos da competitividade e a transformación dixital nun mundo cada vez máis cambiante e globalizado.
Á reunión asistían tamén os representantes das confederacións empresariais da Coruña e Pontevedra, Antonio Fontenla e Jorge Cebreiros, respectivamente, así como o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime Luis López. Por parte da Xunta, participou igualmente a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca.
Con este encontro, a CEO reafirma a súa liña de traballo coa Xunta e as distintas consellerías, co fin de favorecer a intermediación entre as administracións e o tecido empresarial ourensán para avanzar na consecución de obxectivos.