
Kid Mount, Mela, 9Louro e Kike Varela. Son os nomes dos artistas que poderán verse na Rúa no escenario de “Sons Urbanos”, unha nova cita musical que se estrea co patrocinio de Turismo de Galicia e dentro dos “Concertos do Xacobeo”, a partir das 19h. do 7 de agosto. Será na praza da Estación e o seu cartel aposta por cantantes e músicos galegos que triunfan entre a mocidade, e entre eles figura a ruesa Mela, nome artístico de Carmela Fernández Menéndez.
Todo un reto que afronta con moito respecto. “Estou moi nerviosa porque nunca cantei diante de tanta xente como se espera aí, de feito cantei catro ou cinco veces en directo en Tarragona, e ao ser un festival con artistas tan coñecidos en Galicia, dame respecto a verdade”, di Mela.
Adianta que para esta actuación traerá a un compañeiro, @serowayne, para compartir o escenario, destacando que será como o seu “primeiro gran concerto e en casa” algo que tamén pode resultar máis difícil ao enfrontarse a caras coñecidas que actuar diante de xente que non coñece, pero que á vez faino moito máis importante para ela. “Aínda que dé máis medo e respecto tamén me fai máis ilusión, dicir vou cantar na Rúa, algo que nunca se me pasara pola cabeza a verdade”.
Neste festival tamén poderá verse a Kid Mount, coñecido no panorama coma o neno do monte ou o pico e o tres, é un artista emerxente limiao residente en Santiago de Compostela. Con só 21 anos, posiciónase coma un dos referentes da música urbana en Galicia e en galego demostrando ser unha das propostas con maior proxección neste eido.
Do menú musical desta primeira edición do “Sons Urbanos” tamén forma parte o cantante Martín Louro, coñecido como 9Louro e nado en Muros. Móvese no pop urbano, trap, música electrónica e raeggeton. Na súa actuación poderán escoitarse temas do seu último traballo “Amorrer”.
O cartel do “Sons Urbanos” completarase con Kike Varela, considerado un dos DJs de música electrónica máis importantes de Galicia.