
A música será unha das grandes protagonistas do “Verán Cultural 2026” do concello de Lubián, pertencente á provincia de Zamora pero cunha fonda raigame galega. E esa estreita vinculación con Galicia tamén se reflexa no programa de actividades de agosto, entre as que sobresae o XX Festival Folk&Rock nas Portelas, con dous intensos días.
O evento comezará o 6 de agosto, ás 18h., co encontro de Bandas tradicionais na Horta do Cura, en Lubián. Nesta edición serán catro as participantes: Nova Era de Verín, os Pauliteiros de Miranda do Douro, a A.C. Sta. Columba de Ribadelouro (Tui) e, a anfitrioa, a Banda de Gaitas As Portelas de Lubián.
Pola noite, a partir das 21:30h. o festival mudará de escenario e, xa na Fontarbela, terán lugar dous interesantes concertos. O primeiro deles será o de Luar Na Lubre, coa xira do seu 40 aniversario, na que ademais estrea traballo discográfico. Trátase dunha das bandas galegas de folk máis internacionais. E, nesta ocasión, actuará coa Banda de Gaitas As Portelas.
Despois será a quenda do grupo El Naán (Castela e León). O festival continuará o 7 de agosto con outros tres destacados concertos, dende as 21:30h.: Molofolk (Zamora), Trisquel (Valladolid), tamén acompañado pola Banda As Portelas; e Markfeel (Zamora).
