CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Un concerto de Susana Seivane no Castrillón (Larouco) encetará o 13 de agosto o itinerario cultural V NOVE

A primeira edición deste proxecto propón nove citas culturais para percorrer os concellos de Valdeorras entre agosto e outubro

 

A comarca de Valdeorras acollerá entre agosto e outubro a primeira edición de V NOVE, un itinerario cultural que levará nove propostas de música, humor, narración oral e natureza a nove concellos da comarca. A programación desenvólvese en espazos ao aire libre vinculados ao patrimonio e á paisaxe do territorio.

O itinerario está patrocinado por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación de Ourense, e producido pola empresa valdeorresa Ton y Son.

Cada concello, un escenario e unha proposta diferente

A idea que sostén o itinerario é sinxela: cada concello achega un escenario e unha proposta distinta. Non hai un recinto central nin un cartel único concentrado nunha fin de semana. V NOVE despregase ao longo do verán e do outono, obrigando —e convidando— a percorrer a comarca de punta a punta: dun castelo a unha adega, dunha praia fluvial a un cume, dunha ponte con orixe romana a unha serra. Nove concellos, nove estacións. E un mesmo fío que os une.

As primeiras citas

O ciclo abre con Susana Seivane, unha das gaiteiras de maior proxección internacional da música galega. Será o mércores 13 de agosto ás 20:30 h no Castrillón (Larouco).

O escenario non é casual. O Castrillón é un poboado castrexo da Idade do Ferro, escavado e musealizado, que se ergue nun outeiro entre os canóns dos ríos Xares e Bibei, dentro do espazo protexido da Rede Natura 2000. Un lugar habitado hai máis de dous mil anos, cunha ruta de visita balizada e paneis interpretativos, que explica por si só de onde vén esta terra. Levar a gaita ata alí é, precisamente, o que V NOVE quere ser: non construír recintos, senón acender os lugares que xa están.

 

O Castrillón de Larouco./ Foto: A.R.

 

Cine ao aire libre

A Rúa · tres sesións de acceso libre · todas ás 22:00 h

19 de agosto · Adro da igrexa de Santo Estevo
26 de agosto · Praza da Igrexa de Nosa Señora de Fátima 2 de setembro · Praza do Concello

As sete citas restantes

O itinerario continúa ata o 25 de outubro con sete citas máis, xa con data e lugar confirmados. Os contidos de cada unha iranse desvelando ao longo dos vindeiros días.

24 de agosto · Praia dos Franceses · A Veiga
6 de setembro · Ponte da Cigarrosa · Petín
20 de setembro · Castelo de O Bolo · O Bolo
26 de setembro · Casaio · Carballeda de Valdeorras
3 de outubro · O Bañadoiro · Vilamartín de Valdeorras
10 de outubro · Adega Roandi, Éntoma · O Barco de Valdeorras 25 de outubro · Serra da Enciña da Lastra · Rubiá

O cartel de V NOVE

A identidade visual e o mapa de V NOVE son obra de Chus Rojo (Pontevedra, 1986). Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, comezou a súa carreira profesional como deseñadora gráfica para máis tarde dedicarse á súa verdadeira paixón, as artes e a ilustración.

Entradas

Parte da programación de V NOVE é de acceso libre e parte require entrada. As entradas para o concerto de Susana Seivane estarán á venda a partir do xoves 6 de agosto ás 12:00 h en Ton y Son e en Ataquilla.com. As tres sesións de cine da Rúa son de balde ata completar aforo.

Back to top button