OurenseÚltima hora

Oito grupos galegos participarán no Festival Folclórico de Música e Danza Tradicional da 64ª Festa do Pulpo

As actuacións comezan ás 12,00 horas con pasarrúas polo Parque Municipal da vila do Carballiño

Pataghulhos será un dos grupos participantes nesta edición do festival./ Cedida.

 

A música galega protagonizará a banda sonora da 64ª Festa do Pulpo, que se celebrará este domingo, 9 de agosto, no Parque Municipal. Como é habitual, o público poderá desfrutar do Festival Folclórico de Música e Danza Tradicional durante toda a xornada, desde ás 12,00 ata as 20,00 horas. Un total de oito grupos galegos participan na cita, que arranca co pasarrúas de Feitizo de Pau, a Banda de Gaitas Os Catro Ventos, Feixoada e Os Serandeiros. As catro agrupacións tocarán de xeito itinerante repartidas polos diferentes espazos do Parque, amenizando tanto as tabernas como as zonas de comida de familias e amizades.

O entorno do palco da música do Parque acollerá o resto de concertos a partir das 12,30 horas. O espectáculo infantil da compañía Oviravai, “Paio e o poder da música”, inicia a programación cunha proposta dirixida ao público familiar. Pequenos e maiores acompañarán ao oso Aurelio e ao armadillo Armando nas súas divertidas aventuras, nas que descubrirán o poder da música e da amizade. Ás 14,00 horas será a quenda de Maianas, cinco pandereteiras e cantareiras de Ames que porán a bailar ao público co seu repertorio tradicional.

Despois do xantar, ás 15,30 horas, actuará o grupo Pataghulhos. Esta agrupación do Morrazo mestura instrumentos tradicionais como a gaita e o bombo con violíns e guitarras. O grupo Ardentía será o encargado de poñer o broche de ouro do Festival Folclórico a partir das 19,00 horas. A banda viguesa, que conta cunha longa traxectoria profesional, é unha das formacións máis destacadas do panorama da música tradicional galega.

Back to top button