OurenseÚltima hora

A Policía Nacional detén en Ourense a 2 homes reclamados internacionalmente

Imaxe: Policía Nacional.

 

Axentes da Policía Nacional levaban a cabo en Ourense a detención en apenas 24 horas de dous fuxitivos reclamados polas autoridades de Portugal e Francia, todo iso en virtude de sendas “Ordes Europeas de Detención e Entrega” en vigor.

A Brigada Provincial de Policía Xudicial (Grupo de estupefacientes) da comisaría provincial ten atribuídas entre outras competencias a procura de persoas “prófugas” da xustiza por delitos graves e reclamadas polas autoridades internacionais para a súa posible extradición.

Por iso, e no marco de colaboración co Grupo de Localización de Fuxitivos da UDYCO central con sede en Madrid, a Brigada de Policía Xudicial recibiu comunicación sobre a posible presenza na cidade de dous individuos sobre os que pesaban dúas ordes de procura, detención e entrega de carácter internacional.

“Os investigadores comezaron así as súas pescudas que deron como resultado, que o pasado 28 de xullo e tras establecer un dispositivo policial ao efecto, culminase coa localización e detención do primeiro dos prófugos, cando este circulaba a bordo dun vehículo. O detido estaba a ser buscado polas autoridades portuguesas por delitos cometidos contra a propiedade”, tal e como informa a Policía Nacional.

Segunda detención en menos de 24 horas

O segundo arresto producíase ao día seguinte, cando os axentes do grupo de estupefacientes e tras establecer un dispositivo ao efecto, localizaron e detiveron nunha céntrica rúa da capital ao segundo reclamado polas autoridades francesas, por delitos relacionados co tráfico de drogas e que poderían supoñerlle unha condena de ata 30 anos de prisión.

Practicadas todas as dilixencias, os detidos foron postos ao dispor da Audiencia Nacional a través da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia en funcións de garda de Ourense, decretando o ingreso en prisión para o segundo dos detidos.

Back to top button