
O vindeiro mércores 12 de agosto ás 21:30 horas, a Praza Maior de Viana do Bolo acollerá un concerto moi especial da man do grupo valdeorrés Son do Sil. Será nunha actuación cargada de emoción e recordos, “o broche de ouro dunha xornada inesquecible que comezará coa observación do eclipse total de Sol e continuará coa homenaxe a un dos nosos veciños máis queridos: Pepe Seara”, tal e como anuncia o Concello de Viana do Bolo.
Seara, natural de Viana do Bolo, foi unha das grandes voces de Son do Sil durante moitos anos, levando a música galega por numerosos escenarios e conquistando o cariño do público coa súa voz e coa súa calidade humana.
“No ano 2020, durante o estado de alarma, converteuse nun símbolo de esperanza para veciños e veciñas ao saír cada día ao balcón para compartir a súa música e facer máis levadeiras aquelas difíciles xornadas”, lembra o Concello, comentando ademais que a súa morte, en xullo de 2025, “deixou un fondo baleiro entre a súa familia, amizades e veciñanza. Agora, Son do Sil regresa á súa vila para renderlle unha merecida homenaxe cun concerto cheo de emoción, música e lembranzas”.