EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Un emotivo pregón da futbolista Antía Pérez abre en Verín a XIX Feira do Viño de Monterrei, con 19 adegas

O recinto feiral poderá visitarse ao longo desta fin de semana na Alameda da vila e conta con múltiples actividades complementarias para todas as idades

 

Co acto de imposición de medallas aos novos membros da Confraría dos Viños de Monterrei iniciábanse na tarde deste 7 de agosto os actos da XIX Feira de Monterrei, en Verín. O acto inaugural propiamente dito tiña lugar a partir das 20h. na praza García Barbón coa intervención das autoridades, entre elas, Manuel Vázquez, presidente do Consello Regulador; Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín; o deputado provincial José María Lago Cabo e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez.

A conselleira do Medio Rural resaltaba a calidade dos viños de Monterrei e o crecemento rexistrado por esta Denominación de Orixe vitivinícola nos últimos anos, xa que pasou de certificar dous millóns de litros a superar os oito millóns en pouco máis dunha década, o que representa unha suba do 300 %. Foi durante a súa intervención no acto inaugural da XIX Feira do Viño de Monterrei, que se celebra esta fin de semana en Verín e no que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

María José Gómez sinalaba que este éxito “é froito do traballo dun sector forte, con case catrocentos viticultores e viticultoras e trinta adegas”. Un traballo que, salientaba, vese tamén nos viños, cuns godellos e mencías cada vez máis recoñecidos e con moita personalidade. Un produto que está levando o nome desta comarca por toda España e tamén fóra das nosas fronteiras, remarcou.

Por iso, Gómez facía especial fincapé no labor de toda a cadea de valor e especialmente das produtoras e produtores e tamén do Consello Regulador, cun traballo que, subliñou, fíxose mantendo a identidade, pero sabendo evolucionar. Coidando o legado recibido sen renunciar á innovación hasta conseguir un produto “excelente”.

Ademais, daba paso á pregoeira desta edición da feira, a futbolista Antía Pérez, autóctona de Laza, que ten formado parte da selección española de fútbol sala. “Ti es desas mulleres galegas que rompen todos os teitos co teu talento, coa súa traxectoria demostraches que se pode chegar moi lonxe e non perder nunca as raíces de onde un vén”.

O pregón

Finalmente tomaba a palabra Antía Pérez, quen adiantaba, moi emocionada, que o seu pregón era “a mensaxe dunha muller á súa terra, á que tanto quere, á que leva no corazón cada vez que sae a competir e agardo que tamén a miña filla a leve consigo”.

Tamén explicaba que cando a convidaban a dar este pregón sentía “orgullo por unha tradición que forma parte da nosa identidade”, xa que “o viño é cultura, é historia, é familia, traballo, sacrificio e, sobre todo, é unha maneira de entender a vida”. A partir de aí, referíase á que son moitas as similitudes entre o labor dos viticultores e adegueiros e o dunha deportista profesional.  “Un partido leva 40 minutos, pero poder xogalo implica moitos anos”. Nese senso, matizaba, “cando abrimos unha botella só vemos o resultado final, pero detrás dela hai moitos meses de traballo”. E, “igual que un deportista, un gran viño non nace dun día para outro, constrúese pouco a pouco, con esforzo, constancia, paciencia, e sobre todo con ilusión, valores que eu aprendín”.

Antía Pérez lembraba que medraba moi preto dos viñedos de Monterrei, unha D.O. “recoñecida pola calidade dos seus viños, pero ese prestixio construírono xeracións enteiras de viticultores e adegueiros”. E, nesa liña, aludía tamén á importancia da remuda xeracionial e lanzaba unha mensaxe á mocidade: “o futuro da D.O. dependerá, en gran medida, de que haxa novas xeracións que decidan continuar neste camiño”.

 

 

Percorrido polas adegas

O acto inaugural concluía cun brinde das autoridades, que despois iniciaban un percorrido polas casetas das 19 adegas, situadas na Alameda, que participan nesta edición da feira. Son as de Vía Arxéntea, Crego e Monaguillo, Gargalo, Terras do Cigarrón, Manuel Vázquez – Viticultor, Father 1943, Ramón Bigotes, 3 Mentiras, Ronsel do Val, Ladairo, Adegas Tapias Mariñán, Adega Pazo das Tapias, Adegas Daniel Fernández, Serra de Alén, Triay, Abeledos, Setembro, Quinta do Buble e Valderello.

 

 

O recinto abría as súas portas neste venres 7 de agosto, de 20.00 a 00.00 horas; e tamén o fará este sábado 8 e o domingo 9, de 12.30 a 14.30 horas e de 19.30 a 01.00 horas. As degustacións manterán un prezo de 2 euros, mentres que a copa oficial da D.O. Monterrei poderá adquirirse tamén por 2 euros.

 

 

Por segundo ano consecutivo, a feira incorporará un sistema de pago cashless, que permitirá realizar as compras mediante pulseiras recargables, facilitando unha experiencia máis cómoda e áxil para os asistentes. As pulseiras poderán tamén mercarse anticipadamente nas instalacións do Consello Regulador da D.O. Monterrei.

 

 

Alén das casetas das adegas, estarán presentes postos gastronómicos aptos para todos os padais (Cárnicas de Feces, Juan Álvarez Cortador de Xamón, Panadería Germán, Xamóns Don Francisco, Varzea Açai, Luan’s, Panadería Roscas e Lolo, Taiyo Sushi, Punto Criollo, Food Truck A Leñeira e Casa do Pulpo).

Xa pola noite tiña lugar, na praza García Barbón, a actuación da cantante SËS.

 

 

O programa

A organización aposta nesta edición por unha programación pensada para todos os públicos, na que música, gastronomía e actividades familiares complementarán a oferta enoturística da feira, convertendo Verín nun punto de encontro para veciños e visitantes durante toda a fin de semana.

O programa gastronómico abrirase o sábado 8 de agosto, ás 13.00 horas, co showcooking “Alquimia Atlántica na cociña de Monterrei 2026”, no que participarán Begoña Vázquez, recoñecida como Mellor Cociñeira de Galicia 2024, e Miguel López, director técnico do Consello Regulador da D.O. Monterrei. A proposta estará harmonizada musicalmente por José Manuel Salgado, profesor do Conservatorio de Música de Verín.

Ese mesmo día, ás 20.00 horas, celebrarase a cata comentada “Todos os camiños levan a Monterrei. Pasado, presente e futuro”, dirixida pola sumiller Mariña Fernández Toro, membro da Asociación Galega de Sumilleres (AGASU) e titulada WSET Nivel 3.

 

 

O domingo 9 de agosto, ás 13.00 horas, terá lugar o showcooking “Sabores auténticos: fusión de conservas ecolóxicas con viños da D.O. Monterrei”, protagonizado por José Luis Prieto, chef e xerente do restaurante O Segredo do Retiro, acompañado novamente por Miguel López e José Manuel Salgado.

Todas estas actividades desenvolveranse no espazo habilitado na praza da Alameda e requiren inscrición previa a través do correo info@domonterrei.com, cun prezo de 15 euros por persoa.

A programación incluirá tamén actividades pensadas para o público familiar. O sábado 8 de agosto, ás 18:30 horas, a praza García Barbón acollerá o espectáculo “Pequeno Cabaret Infantil”, de Nelson Quinteiro, unha proposta promovida polo CIM da Mancomunidade que transforma os contos tradicionais nun divertido monólogo cheo de humor dirixido a nenos e nenas de todas as idades. Ademais, tanto o sábado como o domingo, de 20h. a 22h., desenvolveranse xogos infantís populares para que os máis pequenos tamén poidan gozar da feira.

Fotos cedidas.

 

Back to top button