OurenseÚltima hora

A II Travesía Solidaria a Nado NON-STOP “EuNadoPorEles e PorElas” celebrarase o 20 de setembro no Miño

 

A Asociación Deportiva-Cultural EuNadoPorEles presentaba este venres a segunda edición da súa Travesía Solidaria a Nado NON-STOP, que se celebrará o próximo domingo 20 de setembro no río Miño ao seu paso por Laias Caldaria, no Concello de Cenlle.

A presentación desenvolvíase no Campo do Cabalo, nas inmediacións do Hotel Balneario Laias Caldaria, contando coa presenza de representantes da organización, da entidade beneficiaria e das principais institucións e entidades colaboradoras.

No acto participaban Felipe Iglesias Mira, Rafael Tabarés Domínguez e Toño Iglesias Mira da Asociación EuNadoPorEles; Miguel Quintas Barros, presidente de ALCER Ourense; Ana Méndez Gil, directora de Galicia Calidade; César Fernández Gil, vicepresidente segundo da Deputación Provincial de Ourense; Rebeca Sotelo Fernández, alcaldesa do Concello de Cenlle, e Fernando Suárez Troitiño, xerente de Laias Caldaria Hotel Balneario.

Tras o éxito de participación e a boa acollida da primeira edición, a organización volve apostar por un formato pouco habitual nas travesías de natación en augas abertas. O reto non consiste en completar unha distancia determinada, senón en realizar o maior número posible de voltas a un circuíto balizado de aproximadamente un quilómetro durante 2, 3 ou 4 horas.

A participación pode realizarse de maneira individual ou formando equipos de relevos de ata catro nadadores, que poden organizar libremente as súas quendas durante o tempo elixido. Esta modalidade permite afrontar o reto entre compañeiros de club, amigos ou familiares e abre a participación a nadadores con diferentes niveis e obxectivos. Tamén se manterá unha modalidade participativa de 500 metros.

 

 

Unha travesía cun obxectivo solidario

Nesta segunda edición, a Travesía nadará a favor de ALCER Ourense. Os fondos recadados destinaranse a manter o seu servizo de asesoramento en nutrición, a través dunha nutricionista especialista en enfermidade renal, un ámbito especialmente importante para as persoas que padecen esta enfermidade.

Deste xeito, EuNadoPorEles mantén o carácter solidario que deu orixe á iniciativa, unindo nunha mesma xornada deporte, convivencia e compromiso social.

Inscricións xa abertas

As inscricións están abertas desde o 1 de agosto, cun límite de 125 participantes entre todas as modalidades. As persoas interesadas poden consultar o regulamento e realizar a solicitude de inscrición a través da páxina web da Asociación.

www.eunadoporeles.es

A II Travesía Solidaria a Nado NON-STOP EuNadoPorEles e PorElas comezará ás 10:00 horas do domingo 20 de setembro, prolongándose ata as 14:00 horas, momento no que finalizarán todas as modalidades.

Back to top button