CulturaCulturaÚltima hora

Trives prepárase para vivir o eclipse total de sol e, despois, as Perseidas

O Concello organiza unha xornada especial na zona das antenas, con acceso gratuíto en telesilla para a veciñanza, observación guiada por un experto, lentes certificadas, actividades para os máis pequenos e música na zona baixa da estación

 

A Pobra de Trives prepárase para vivir o próximo 12 de agosto un fenómeno astronómico extraordinario: un eclipse total de Sol que poderá contemplarse “ao 100 % desde o municipio”, destaca esta administración local. O Concello leva tempo traballando na preparación desta xornada coa vontade de que sexa unha experiencia para a veciñanza e para as familias, pero tamén unha oportunidade para amosar o potencial turístico, natural e astronómico do territorio.

A programación foi deseñada en colaboración co Concello de Manzaneda e a Estación de Montaña Manzaneda, tendo como punto de referencia a Cabeza Grande, na zona das antenas, dentro do territorio municipal de Trives.

A Cabeza Grande, punto preferente de observación

En Trives existen multitude de lugares desde os que será posible observar o eclipse, polo que a Cabeza Grande non será o único punto de observación do municipio. Porén, para a xornada organizada polo Concello, este será o punto preferente, dadas as características do enclave e a programación preparada.

A súa altitude, o espazo dispoñible para estacionamento e, especialmente, a posibilidade de concentrar nesta zona os actos e actividades organizados conxuntamente fan da Cabeza Grande o enclave de referencia para vivir a xornada. Desde alí, as persoas asistentes poderán contemplar o eclipse nunha contorna de montaña situada no propio territorio de Trives.

Acceso gratuíto ao telesilla para a veciñanza

Para facilitar o acceso, as persoas empadroadas en A Pobra de Trives e Manzaneda poderán utilizar gratuitamente o telesilla da Estación de Montaña Manzaneda durante a xornada. No caso de Trives, o Concello repartirá pulseiras identificativas para acreditar o acceso. O reparto comezará o luns 10 de agosto, ás 12.00 horas, nas oficinas do Concello da Pobra de Trives.

O Concello recomenda recoller a pulseira con antelación para facilitar a organización do acceso o propio día do eclipse.

Unha explicación guiada para coñecer o fenómeno

Na zona das antenas da Cabeza Grande concentrarase a observación do eclipse. A experiencia contará cunha explicación guiada por un experto na materia, que acompañará a observación e permitirá coñecer as diferentes fases do fenómeno, explicar que está sucedendo no ceo e achegar a astronomía ás persoas asistentes.

Deste xeito, a actividade combinará divulgación científica e experiencia, para que tanto as persoas que xa teñen coñecementos de astronomía como aquelas que simplemente teñen curiosidade poidan desfrutar da xornada.

Lentes certificadas para mirar ao sol con seguridade

A seguridade será outro dos aspectos fundamentais. O Concello da Pobra de Trives preparou lentes específicas e certificadas para a observación do eclipse, que serán entregadas inicialmente ás persoas empadroadas no municipio.

Unha vez atendida a demanda da veciñanza, se quedasen unidades dispoñibles, poderán solicitarse por orde de petición e ata fin de existencias.

O Concello lembra que nunca se debe observar directamente o Sol sen utilizar protección ocular específica e certificada.

Pensando especialmente nos nenos e nenas

A organización quixo que os máis pequenos tivesen tamén un protagonismo especial. Por iso, preparáronse lentes infantís certificadas, pensando nos nenos e nenas que queiran subir á estación e contemplar o eclipse con seguridade. Pero a proposta infantil vai máis alá.

Como o momento do eclipse coincidirá coa hora habitual da cea, o Concello preparou para eles un pack especial de merenda-cea tematizado co eclipse.

A intención é que os máis pequenos poidan desfrutar da espera, compartir a experiencia con outras familias e converter a observación do eclipse nun recordo especial.

Os packs deberán solicitarse previamente no Concello, con prioridade para os nenos e nenas empadroados en A Pobra de Trives e ata fin de existencias.

Música na zona antenas da estación

A xornada na zona antenas da Estación de Montaña Manzaneda a xornada continuará cun ambiente distendido, con música ambiente a cargo dun DJ da zona.

A proposta busca combinar así astronomía, divulgación, natureza, música e convivencia, creando unha experiencia para toda a familia.

Trives, territorio Starlight

A celebración do eclipse encaixa directamente coa aposta de A Pobra de Trives polo astroturismo e o Destino Turístico Starlight. A altitude, a contorna de montaña e a calidade do ceo forman parte dos recursos que o territorio está a poñer en valor para diversificar a súa oferta turística.

O eclipse permitirá amosar ese potencial nunha data excepcional, pero tamén reforzar unha aposta que pretende ir moito máis alá do 12 de agosto: facer do ceo e da observación astronómica un recurso turístico durante todo o ano.

Despois do eclipse, as Bágoas de San Lourenzo

E a relación de Trives co ceo non rematará coa posta de sol. A xornada coincide coa época das Lágrimas de San Lourenzo, polo que, unha vez rematado o eclipse e chegada a noite, o ceo volverá ser protagonista coa observación das Perseidas.

Deste xeito, o 12 de agosto converterase nunha auténtica xornada dedicada ao ceo, comezando cun eclipse total de Sol e continuando, xa de noite, coa contemplación das estrelas fugaces.

Un territorio que xa está a notar o impacto

O interese polo eclipse xa se está deixando notar tamén no sector turístico. A ocupación hoteleira e turística en Trives achégase ao 100 % para esas datas e quedan xa moi poucas habitacións dispoñibles nos establecementos da contorna.

“A chegada de visitantes con motivo do eclipse supón unha oportunidade importante para o sector hostaleiro, comercial e turístico, pero tamén para proxectar Trives como destino máis alá deste acontecemento concreto”, asegura o Concello de Trives, que considera que “o reto será conseguir que moitas das persoas que descubran agora Trives por mor do eclipse volvan posteriormente para coñecer a súa montaña, patrimonio, gastronomía, natureza e ceo nocturno”.

Unha oportunidade para todo o territorio

Desde o Concello destacan que a dimensión do acontecemento permite tamén poñer en valor a capacidade de colaboración entre diferentes entidades e municipios. A programación conxunta coa Estación de Montaña e o Concello de Manzaneda permitirá ofrecer unha experiencia máis completa e organizada, mantendo como referencia un feito fundamental: a totalidade do eclipse será visible desde o territorio de Trives e a Cabeza Grande, onde se concentrará a programación principal, está en territorio de Trives.

“En Trives hai multitude de lugares desde os que se poderá contemplar o eclipse. Nós escollemos a Cabeza Grande como punto preferente porque, pola súa altitude, o espazo para estacionamento e a programación que estamos preparando conxuntamente, é o lugar que mellor reúne as condicións para esta xornada. Pero queremos que a veciñanza saiba que todo o municipio vai vivir este fenómeno ao 100 %”, din dende o Concello de Trives.

Ademais explican que “quixemos coidar especialmente as familias e os nenos e nenas. Desde o acceso gratuíto ata as lentes certificadas, pasando polas lentes infantís e polo pack de merenda-cea, queremos que todo o mundo poida vivir este día e que os máis pequenos garden un recordo para toda a vida”. O Concello anima á veciñanza a participar nesta xornada e a preparar con antelación a súa asistencia.

O 12 de agosto, Trives mira ao Sol desde a Cabeza Grande. E cando chegue a noite, volverá mirar ás estrelas.

Back to top button