CulturaCulturaÚltima hora

O Concello da Veiga reúne aos servizos implicados para coordinar o dispositivo da eclipse e continúa cos actos divulgativos

 

O Concello da Veiga mantivo o pasado venres, 7 de agosto, unha reunión de traballo para pechar a organización e coordinación do dispositivo previsto con motivo da eclipse total de Sol do vindeiro 12 de agosto. O encontro forma parte das distintas accións que o Concello da Veiga está a desenvolver desde comezos de ano coa finalidade de preparar o municipio para acoller este acontecemento astronómico e garantir que a xornada se desenvolva coas máximas condicións de seguridade e organización.

Na reunión participaron Juan Anta Rodríguez, alcalde da Veiga e Vicente Lameiro Alonso, tenente alcalde, así como representantes da Garda Civil, o GES, Protección Civil e do sector hostaleiro local, nun encontro destinado a poñer en común a planificación prevista, analizar as necesidades da xornada e incorporar as achegas dos diferentes colectivos implicados. Durante a sesión presentáronse os puntos oficiais de observación, a organización dos medios municipais, o sistema de información ao público e os mecanismos de coordinación entre os distintos servizos.

O encontro permitiu así completar e pechar a planificación do dispositivo, tendo en conta os distintos puntos de vista e propostas dos participantes e a experiencia dos servizos que estarán implicados durante a xornada do 12 de agosto. Este traballo de coordinación súmase ao labor desenvolvido polo Concello ao longo dos últimos meses para preparar a chegada de visitantes e garantir unha resposta axeitada ante a importante afluencia que se prevé no municipio.

A preparación da eclipse abrangue tamén un importante compoñente divulgativo e educativo. Neste sentido, hoxe, sábado 8 de agosto, ás 11:00 horas, o Concello da Veiga celebrou unha charla divulgativa aberta a todos os públicos na que se ofreceu información práctica sobre a eclipse, as súas características e, especialmente, as recomendacións necesarias para poder gozar da experiencia con seguridade.

 

 

Esta actividade dá continuidade ás accións de divulgación desenvolvidas nos últimos meses. Entre elas, o pasado xoves 6 de agosto, se realizou un obradoiro sobre a eclipse dirixido aos nenos e nenas participantes no campamento de verán municipal, achegándolles o fenómeno astronómico dun xeito didáctico e adaptado ás súas idades.

Estas iniciativas súmanse aos diferentes talleres e actividades divulgativas que se viñeron desenvolvendo no Centro Astronómico de Trevinca nos últimos meses, dentro da preparación do municipio para un acontecemento de especial relevancia tanto desde o punto de vista astronómico como turístico.

Deste xeito, o Concello da Veiga continúa avanzando nunha preparación integral da xornada, combinando a planificación dos dispositivos de seguridade e coordinación coa divulgación e a información á cidadanía e ás persoas visitantes. Un traballo que ten como principal obxectivo que a eclipse do 12 de agosto poida vivirse na Veiga como unha experiencia única, segura e organizada.

Fotos cedidas.

Back to top button