ConcellosTrivesÚltima hora

As homenaxes marcaban a XXIV Xuntanza dos antigos alumnos do Colexio Santa Leonor de Trives

No seu decurso nomeábase "Socio de Honra" a título póstumo a Berardo Araújo, quen fora o presidente da asociación, e "Presidente de Honra" a Julio Ancochea

 

Especialmente emotiva resultaba a XXIV Xuntanza dos antigos alumnos do Colexio Santa Leonor-Virgen de la Luz de Trives, que se celebraba o sábado 8 de agosto coa participación dun número importante de socios e tamén de 2 antigos profesores do centro. Nela facíase unha lembranza moi especial ao que era o seu presidente, Berardo Araújo, que falecía o pasado 21 de novembro.

O encontro comezaba coa xa tradicional misa na antiga capela do colexio, oficiada polo párroco de Trives, Amador Ares. Despois, nese mesmo lugar, dábase paso á asemblea da asociación, e tras o saúdo aos asistentes, gardábase, de pé, un minuto de silencio en memoria de Berardo Araújo. Logo agradecíase á presenza dos asistentes e procedíase cos diferentes puntos da orde do día.

Un dos máis destacados era o da necesaria renovación da xunta directiva no que, por unanimidade, resultaban elixidos Félix García como presidente (ata agora era o vicepresidente), Manuel Moreiras como tesoureiro, e, xa como vogais: Pío Domínguez, Francisco Cosio e Luis Baudot. O presidente pedía ademais a implicación dos asociados para garantir a continuidade da entidade e agradecía a resposta. Tamén se refería García cunha gran tristura á ausencia de Berardo Araújo, “que nos deixou un importante baleiro”.

 

 

Outros acordos tomados eran, nese senso, a Berardo Araújo como “Socio de Honra” a título póstumo e designar ao doutor Julio Ancochea como “Presidente de Honra”, cargo que tamén ocupou o seu pai José Ancochea Civeira, tamén falecido hai uns anos. Así mesmo aprobábanse as contas da asociación.

A continuación da asemblea, realizábase a xa habitual foto “de familia” dos asistentes e, logo, o presidente acompañado por algúns socios desprazábase ata o cemiterio municipal para realizar unha ofrenda floral na tumba do anterior presidente falecido, Berardo Araújo.

 

 

Posteriormente, os antigos alumnos de Santa Leonor volvían xuntarse, pero desta volta arredor da mesa, para compartir un xantar no Hostal La Viuda de Trives, cuns 90 comensais. No seu decurso levábanse a cabo as homenaxes decididas na asemblea e, no caso de Julio Ancochea, facíaselle entrega dun detalle conmemorativo e do seu diploma acreditativo como “Presidente de Honra”.

 

 

 

Xa na parte final da comida incorporábanse o grupo de pandereteiras locais Macizas Centrais, para amenizar con música a derradeira parte da xuntanza.

Misa en memoria dos socios falecidos

Previamente á xuntanza, na tarde do venres 7 de agosto, os membros da Asociación de Antigos Alumnos do Colexio de Santa Leonor celebraban na localidade de Vilanova (Trives) unha misa polo eterno descanso dos nosos asociados falecidos, entre eles Berardo, José Luis, Pablo, etc.

Fotos cedidas.

 

Back to top button