O Campo de Fútbol de As Carrelas, en Viana do Bolo, vén de estrear novo céspede de herba artificial o que supón “unha importante mellora que permitirá contar cunha instalación máis moderna, funcional e cun mantemento máis sinxelo e eficiente”, tal e como destaca o Concello de Viana do Bolo
Na pasada fin de semana, en concreto na mañá do sábado 10 de agosto e coincidindo coa clausura do Campus do Atlético de Madrid, tiña lugar a inauguración desta reforma, que contaba coa presenza de numeroso público e representantes das institucións e do deporte local. Así, entre os presentes estaban o presidente do C.D. Viana, Isaac Pérez Vidueira; o alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias; e o deputado provincial e respresentante da Deputación de Ourense, José María Lago Cabo, que aproveitaban a ocasión para agradecer ás institucións implicadas o seu compromiso e colaboración para facer posible esta actuación.

“Esta mellora chega, ademais, nun moi bo momento para o deporte en Viana do Bolo, cunha crecente actividade deportiva e cunha importante participación de nenos, nenas e mozos e mozas nas diferentes disciplinas”, indican dende o grupo de goberno vianés, indicando ademais, que “con esta actuación, seguimos apostando por mellores instalacións deportivas e por ofrecer aos nosos clubs e deportistas espazos máis axeitados, cómodos e seguros para a práctica deportiva”.
Fotos: Concello de Viana do Bolo.
