Os preparativos do dispositivo de seguridade e mobilidade para a observación da eclipse total do 12 de agosto no Miradoiro de Alixo (O Barco), punto escollido polo Concello, supervisábanse in situ na mañá deste martes, véspera do acontecemento astronómico. Ata o lugar desprazábanse o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, acompañado polo alcalde do Barco, Aurentino Alonso; polo capitán xefe da compañía da Garda Civil da Rúa, Ricardo Carballeda, e polo inspector xefe da Policía Local, Fernando Lozano.
“Por fin chegou o día, será mañá 12 de agosto. Levamos meses con reunións e dispotivos de seguridade dende a Secretaría de Estado de Seguridade do Goberno de España planificando, en coordinación coas Comunidades Autónomas e tamén coas administracións locais, todos os dispositivos necesarios para que desfrutemos desta eclipse, que é un auténtico acontecemento único nas nosas vidas”, resaltaba Eladio Santos.
Resaltaba tamén que na provincia de Ourense, “Valdeorras e Terras de Trives son as dúas únicas comarcas nas que se vai poder presenciar a eclipse total, e isto é moi significativo, porque a diferenza entre unha eclipse total e outra parcial é moi importante, e ademais de observar por suposto con protección e gafas homolagadas a propia eclipse mirando ao sol e á lúa”.
Explicaba así mesmo que dende a Subdelegación do Goberno en Ourense, estase a supervisar, neste caso, “un dos puntos de observación da provincia de Ourense nos que se estableceron todos os dispositivos para que haxa unha moi boa accesibilidade aos lugares e aos puntos de observación que designou o Concello do Barco, na provincia de Ourense hai en torno a oito puntos de observación designados polos concellos e que teñen os dispositivos coordinados entre a Garda Civil, as Policías Locais, Protección Civil e Emerxencias da Xunta de Galicia, tamén Medio Rural con dispositivos de prevención de lumes”.
Así, o subdelegado poñía en valor a colaboración entre Forzas e Corpos de Seguridade e as administracións locais para que a observación transcorra con total normalidade. “Son persoas que van estar traballando durante ese día para que nós, todos os habitantes, desfrutemos deste acontecemento científico e fermoso como é a eclipse”.

E lembraba que en Valdeorras hai outros puntos de observación designados polos concellos como é na Rúa o Parque do Aguillón e na Veiga a Praia do Coiñedo e máis o Centro Astronómico Trevinca. Deste xeito, tanto en Valdeorras como nas Terras de Trives, arredor das 20:29h. da tarde vaise facer noite en pleno día durante aproximadamente un minuto, “desfrutemos deste acontecemento e, sobre todo, no caso das persoas que se despracen aos puntos de observación, como é o Miradoiro de Alixo, que fagan unha planificación con tempo”, subliñaba o subdelegado do Goberno, “en torno ás 19:30h. comeza a eclipse pero antes hai que estar prevendo o desprazamento”. Tendo en conta ademais que o acceso por estrada cortarase ás 19h.
Tamén insistía Eladio Santos que en a cidade siga “as instrucións do operativo de seguridade, de Protección Civil, da Policía Local, da Garda Civil, á hora de deixar o coche aparcado nalgún lugar”, e en que “non se fume xa que estamos nun momento de risco de lumes moi delicado”.

Aurentino Alonso: “Escollemos Alixo porque cremos que é o lugar máis adecuado”
Pola súa banda, o alcalde do Barco felicitaba á Policía Local “porque se están volcando na organización”, comentando ademais que se leva meses preparando esta cuestión coa Subdelegación. “Nós decidimos que fora Alixo o punto de observación porque cremos que é o máis acaído”.

Aurentino Alonso abundaba nos temas de seguridade e pedíalle á pobocación vaia con tempo ao miradoiro ou ao lugar no que queira ver á eclipse, “que non pretenda saír ir un cuarto de hora antes porque vai haber moito lío de tráfico nalgúns puntos. E que comproben con antelación que o punto onde vaian visualizar a eclipse é un lugar onde se vai ver, xa que hai puntos que parece que pero logo ás oito e media da tarde ao mellor non”.
Do mesmo xeito, pedíalle á cidadanía que respecte ás mínimas normas, ás que aludía o subdelegado, como son “non fumar, por favor, que estamos en risco de incendio. Nós aquí imos ter un vehículo motobomba, vai haber unha ambulancia, voluntarios de Protección Civil do Barco, efectivos da Policía Local e da Garda Civil por onde lle toque estar”. E tamén que “teña moito coidado sobre a forma de visualizar a eclipse porque uns segundos mirando ao sol sen ter as gafas postas pode supoñer un problema para toda a vida”.
O rexedor barquense dicía así mesmo que se espera que ata O Barco se despracen persoas doutras comarcas próximas, onde non se vai poder ver a eclipse total, e mesmo do norte de Portugal”.

Recomendacións da Garda Civil e da Policía Local
Na importancia de respectar as normas incidía tamén o capitán xefe da compañía da Garda Civil da Rúa, Ricardo Carballeda e apuntaba que “estamos en estreita colaboración coa Policía Local e con Protección Civil, en definitiva coas administracións locais, para tratar de que o evento transcorra con total normalidade e que os asistentes poidan desfrutalo”.
Carballeda resaltaba, unha vez máis, que “estamos en época de alto risco de incendio, co cal está totalmente prohibido fumar en zonas forestais, acender fogueiras, etc, Nese senso, pedímoslle á xente un pouquiño de responsabilidade e que teña isto en conta”.

Finalmente, o inspector xefe da Policía Local do Barco, Fernando Lozano, concretaba que, no caso deste municipio, “como recomendación, sobre todo, que se use o transporte público para subir ata Alixo, e que as persoas saian con moito tempo porque hai zonas nas que é estrada case de montaña e entón é necesario vir con vehículos un pouco adaptados, non se pode andar con vehículos moi baixos. Que veñan con tempo para poder aparcar o coche e para que poidan ver a eclipse comodamente e con seguridade”.
Fotos: A.R.
