
O actor Javier Gutiérrez (Luanco, Asturias, 1971) recibirá a Calpurnia de Honra, o galardón máis prestixioso do OUFF · Ourense Film Festival, o 25 de setembro durante a gala de inauguración do certame. Así o anunciou este martes Óscar Doviso, director artístico do OUFF, quen destacou de Javier Gutiérrez a súa «traxectoria envexable, ademais, de que é un artista interdisciplinar que tanto toca o eido cinematográfico en longametraxes, curtas e series, como enriba das táboas no teatro».
O actor, que xa participou no OUFF en 2023 para presentar a película Honeymoon, recibiu a noticia «cos brazo abertos, con moita ilusión e entusiasmo, o cal demostra que hai unha enorme sintonía entre as partes», subliñou Doviso.
Tres décadas en cine, televisión e teatro
Con mais de 90 traballos en cine e televisión, e moitos outros enriba dos escenarios, Javier Gutiérrez é un dos rostros máis coñecidos do audiovisual español. Grazas a personaxes como Satur en Águila Roja, Carlos en Vergüenza, Marco en Campeones, vive xa «na memoria de todos», en palabras de Doviso. En 2015 gañou o Goya ao mellor actor principal polo seu traballo en La isla mínima, recoñecemento que repetiría tres anos máis tarde con El autor. Ademais, ten recibidas dúas medallas do Círculo de Escritores Cinematográficos, tres premios Feroz, tres de la Unión de Actores e Actrices e dous José María Forqué, entre outros recoñecementos.
Agora, Javier Gutiérrez, que naceu en Asturias pero pasou case toda a sua infancia en Ferrol, polo que desde o OUFF o consideran «un galego de adopción», sumará un galardón máis ao seu palmarés.
Preto de 1.300 obras inscritas
Co prazo para competir na 31ª edición do OUFF xa pechado, Óscar Doviso tamén compartiu os primeiros datos de participación. En total, inscribironse para 1291 obras cinematográficas, tanto nas plataformas online coma por outras vías. Delas, 450 son longametraxes e 841 curtas, e hai 54 traballos galegos. Algunhas xa pasaron por festivais da talla de Cannes, Berlín, Sundance ou Locarno, ou son estreas en España e, incluso, mundiais.
En canto aos países representados, ata 77 presentaron obras para participar no OUFF. As máis numerosas proceden de España, México, China, Arxentina, Brasil, Francia, Hungría, Chile, Colombia, Alemaña e Estados Unidos.
Destaca a presenza de países con pouca produción audiovisual, como son Andorra, Cuba, Nepal, Mongolia, El Salvador, Bielorrusia, Cabo Verde, Panamá, Mónaco, Palestina, Filipinas, Xordania e República Dominicana, entre outros. Doviso tamén subliñou que, por primeira vez, inscribíronse obras de Bangladesh, Macao, Ruanda, República Democrática do Congo, Xamaica e Kirguistán.