
No marco da Feira da Rosca de Sober, esta tarde tiña lugar o VIII Túnel do Viño de Amandi, coa presenza da experiencia gastronómica Saborea Sober. Unha proposta que uniu os viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a Rosca de Sober e diferentes produtos agroalimentarios galegos para mostrar, a través da gastronomía, a calidade, diversidade e identidade das producións de Galicia.
A experiencia tivo como fío condutor a Rosca de Sober, reinterpretada en diferentes elaboracións e combinada con produtos galegos de calidade diferenciada. Así, degustouse un pani puri de rosca con queixo de produción ecolóxica, verduras encurtidas e sardiña afumada; unha tosta de Rosca de Sober con Lacón Galego IXP, castaña ecolóxica e chourizo de porco celta de Artesanía Alimentaria; unha crema de queixo de Artesanía Alimentaria con pera caramelizada, aceite elaborado coas variedades autóctonas Brava e Mansa de Artesanía Alimentaria, froitos secos e rosca tostada; e unha tarta de queixo con Rosca de Sober e marmelo.
A proposta permitiu maridar os viños de Amandi cunha gastronomía construída arredor dos produtos galegos e da súa orixe, convertendo o Túnel do Viño nun escaparate conxunto da riqueza vitivinícola e agroalimentaria do territorio. Unha combinación na que estiveron representadas diferentes figuras de calidade, desde as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas ata a Agricultura Ecolóxica e a Artesanía Alimentaria.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, participou nesta actividade e destacaba que iniciativas coma Saborea Sober permiten combinar tradición e innovación gastronómica, partindo de produtos vinculados ao territorio para ofrecer novas formas de presentalos e achegalos ao consumidor. Así, salientaba que innovar tamén significa explorar novas posibilidades para as producións tradicionais, adaptándoas ás novas formas de consumo sen perder a súa identidade e contribuíndo a incrementar o seu coñecemento e valor.

O director da Axencia incidiu ademais no papel da calidade diferenciada como ferramenta para xerar valor engadido. Os seus distintivos permiten ao consumidor identificar produtos cunha orixe e unhas características diferenciais, ofrecendo garantías de autenticidade e calidade e contribuíndo, ao mesmo tempo, a fortalecer as explotacións e industrias agroalimentarias, manter actividade económica no rural e facer territorio.
Nesta liña, lembrou a aposta da Xunta a través do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, ao que a Consellería do Medio Rural destina este ano máis de 10 millóns de euros, dous millóns máis que en 2025, co obxectivo de reforzar a promoción destas producións, incrementar a súa visibilidade e mellorar o seu posicionamento nos mercados.
Alemparte salientou que accións coma a desenvolvida en Sober contribúen precisamente a este obxectivo: que o consumidor coñeza, identifique e valore os produtos galegos e que ese recoñecemento se traduza en maior valor para quen os produce e para os territorios nos que nacen.
Fotos: Concello de Sober.

