
Este venres 14 de agosto celebrarase a IV Feira Irmandiña do Bolo, con numerosas actividades. Trátase dun evento “que une unha parte da historia do castelo do Bolo coa recuperación de tradicións como as feiras que promocionan produtos locais e feitos a man”, dixo a tentente de alcalde Mayra Martínez na presentación, explicando que a idea parte “dun feito singular que ocorreu no castelo no século XV, o asalto á fortificación por parte dos Irmandiños, que provocou a destrución de parte da edificación e a súa posterior reconstrución”.
Esta é unha parte da historia deste castelo pouco coñecida e única na comarca de Valdeorras, que dende o concello promocionan e poñen en valor. Nesta cuarta edición haberá case 30 postos de diferentes produtos de artesanía e gastronomía, entre eles un con produtos locais que non poden estar presentes por traballo. A feira estará aberta desde as 11 horas ata as 20 horas. Durante todo o día haberá catro ocasións de coñecer a historia do castelo e visitalo de balde. Ademais da segunda edición do concurso de vestimenta de época para nenos e adultos e a exhibición de materiais de época medieval.

O pregoeiro deste ano será Carlos Xabier Ares Pérez un destacado investigador, escritor e etnógrafo vianés, con orixes maternas nas terras do Bolo, con familia nas Ermidas, Celeirós e Celavente que dará o pregón ás 12 horas; e unha das novidades da tarde será o Museo Vivo da Idade Media do grupo de recreación histórica de Ourense, Palla Aurea. Os visitantes terán a oportunidade de ver diferentes materiais da época medieval e saber as súas utilidades. Haberá armamento, roupa e obxectos da vida cotiá arredor das 18 horas.
Este ano non haberá comida con venda anticipada de entradas. Cada visitante poderá adquirir o que desexe na pulpeira con tapas de pulpo a 10 € e no bar con empanadas e pan, usando as mesas que se colocarán no patio de armas do castelo.