A Ruta Viño de Valdeorras propoñía no marco da eclipse de sol total do 12 de agosto unha experiencia enoturística única: “Viños que Eclipsan”, cunha excelente acollida. O seu escenario era Bodegas Blare, en Vilanova (O Barco), un enclave privilexiado desde o que se podía contemplar este fenómeno natural mentres se desfrutaba dos viños de Valdeorras, a gastronomía local e a música en directo. Asistían 40 persoas.

Coa recepción dos asistentes, que eran recibidos cunha copa de viño e cunha mesa de degustación de produtos de proximidade (Km 0), comezaba arredor das 19:30h. o programa. Eses produtos eran mel do Marquesado, aceite Terras Gigurras, queixos de Trevinca e pan de O Regalado. A continuación, tiña lugar unha breve introdución divulgativa para comprender mellor a eclipse e coñecer as claves deste singular fenómeno astronómico.

Ás 20.25 horas chegaba o momento máis esperado da tarde coa observación da eclipse total, para a que todos os participantes dispoñían de lentes homologadas, garantindo unha observación segura e cómoda. A continuación dábase paso a unha cata comentada de seis viños, dirixida por Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. Ademais interviña o responsable de Bodegas Blare, Herminio Blanco.

Os viños podían degustarse nunha maridaxe elaborada polo restaurante A Pepa, da Rúa. Comezábase cunha tosta de lombo, puré de mazá e queixo de Arzúa, seguida de brioché de carrilleiras, crema de pataca e cebola, cripy e, logo podía saborearse unha brocheta de solombo de porco e alcachofas glaseada. E, como broche, unha sobremesa a base de trataleta de crema pasteleira e froitos vermellos.
A programación, que se prolongaba ata as 23:30h., continuaba cun concerto de música en directo a cargo do trío de corda Duoenfa e concluía cun brinde baixo as estrelas coincidindo coa observación das Perseidas.
Con esta iniciativa, a Ruta do Viño de Valdeorras “continúa apostando por un enoturismo innovador, creando propostas que transcenden a visita tradicional á adega e converten acontecementos excepcionais, como unha eclipse solar, en experiencias memorables que poñen en valor a paisaxe, a cultura do viño e a riqueza gastronómica da comarca”, tal e como indica esta asociación.
Fotos cedidas.


