
O Concello de Viana do Bolo vén de anunciar que conta cunha subvención para a execución do proxecto de creación dunha nova glorieta nas inmediacións do Campo de Fútbol Municipal das Carrelas.
“Esta actuación , que ten un investimento de arredor de 77.000 euros, desenvolverase nun punto estratéxico e de gran tránsito de vehículos, ao tratarse dunha das principais entradas á nosa vila. A creación da glorieta permitirá ordenar e regular a circulación, contribuír a reducir a velocidade dos vehículos e mellorar a seguridade viaria, ao tempo que suporá unha importante mellora na imaxe da entrada a Viana do Bolo”, segundo informa o alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila.
Indica así mesmo que a obra xa se atopa licitada e pendente de adxudicación e está previsto que se execute en dúas anualidades. A planificación contempla que a meirande parte dos traballos rematen no mes de novembro de 2026.
“Esta actuación supón un novo paso na mellora das nosas infraestruturas e contribúe a facer de Viana do Bolo unha vila máis segura, accesible e coidada, tanto para as persoas que vivimos nela como para quen nos visita”, segundo indican dende o Concello.