O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, acompañado do alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila, e do edil vianés de Cultura, Isaac Pérez; asistía na tarde deste 14 de agosto á inauguración do monumento e da placa conmemorativa que recoñecen a Cepedelo (Viana do Bolo) como a aldea habitada máis alta de Galicia. “A localidade sitúase a 1.350 metros sobre o nivel do mar e constitúe un bo expoñente do turismo de interior, cun patrimonio histórico e etnográfico significativo”, segundo Turismo de Galicia.
A acreditación vén da man da Área de Rexistro Central de Cartografía, así como do Instituto Nacional de Estatística (INE). O monumento foi promovido pola Asociación de Veciños de Cepedelo e consiste nun bloque rectangular de granito de 2 por 1,30 metros, cuberto cunha estrutura de lousa a modo de tellado, no que se atopa incrustada a placa conmemorativa.
Ademais, o acto de inauguración da placa e do monumento coinciden coa 3ª edición da Festa do Caldo de Cepedelo, parte das celebracións patronais da Asunción, que teñen lugar dende o 13 ata o 16 de agosto. O director de Turismo de Galicia destacaba que a festividade “constitúe un exemplo de iniciativa veciñal orientada á dinamización do medio rural mediante a gastronomía, o patrimonio e o turismo”, poñendo en valor a implicación da poboación local.
Xosé Manuel Merelles tamén explicou que tanto a aldea como a festa “representan á perfección os valores de singularidade e autenticidade do destino promovidas por Turismo de Galicia na súa Estratexia de Turismo 2030”. Neste sentido, Cepedelo convértese nun “exemplo do modelo turístico polo que estamos a apostar, con capacidade para consolidarse como referente dun turismo de interior que promove oportunidades no rural galego”, engadiu.

Potencial do turismo de interior en Ourense
Esta aposta por Cepedelo reflicte a iniciativa de seguir diversificando a oferta turística galega e reforzando o atractivo dos destinos de interior, segundo Turismo de Galicia, que indica así mesmo que os datos turísticos do primeiro semestre do ano amosan unha evolución positiva desta actividade na provincia de Ourense con 163.602 viaxeiros, un 6,9% máis que no mesmo período de 2026.
Neste contexto, “a aposta por estes destinos permite avanzar cara a unha oferta turística máis diversificada e menos concentrada nos grandes núcleos e destinos tradicionais, o que favorece a chegada de visitantes ao interior de Galicia”, segundo a axencia.
O turismo internacional tamén evidencia novas oportunidades para o destino galego, ao achegar máis de 30.000 viaxeiros estranxeiros á provincia no que levamos de ano, cun incremento de case o 20%.
