En novembro de 2025 saía do prelo un novo número extra (triplo 5, 6 e 7) da revista-anuario reNOVA GALIza, creada en Barcelona no ano 2005 como voceiro-anuario de comunicación do Foro Cívico Galego de Barcelona (FCGB), entidade civil fundada en 1999, como “homenaxe nominal á súa homónima Nova Galiza, dirixida por Castelao, Rafael Dieste e Carmen Muñoz en Barcelona entre 1937-1938″.
En decembro dese mesmo ano realizábase a primeira quenda de presentacións en Galicia nas cidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Lugo (auditorio do Vello Cárcere). En maio de 2026 era presentado no Centro Galego de Barcelona e en agosto chegaba ao Barco de Valdeorras logo de pasar por Vigo, Pontevedra e Ourense, ademais da vila de Ribadeo.
Así, na tarde do 12 de agosto, o salón de actos do Edificio Multiusos do Barco acollía a presentación dese número extra, contando coa presenza dos representantes de revista e do Foro Cívico Galego de Barcelona, Antón F. Escuredo (xornalista de Nós Diario e coordinador do Dossier galego) e Camilo F. Valdehorras (filólogo da Universidade de Barcelona e director de rNG), ademais doutros membros do Foro como Xosé Fernández Vázquez e Montserrat Cachafeiro, acompañados pola concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta.
Como “anuario de intercambio coa rede asociativa de Galiza global e de Catalunya, reNova Galiza publícase en código bilingüe galego e catalán con algún artigo en español; e proxéctase moi especialmente cara o amplo e diverso leitorado esparexido pola “Galiza diaspórica” (en especial de Europa e América), onde se distribúe primordialmente en asociacións, centros galegos e leitorados de estudos universitarios e rede de bibliotecas públicas”, explican dende o Foro, indicando que arestora, co gallo de se cumprir o 25 aniversario da Asociación, “tiramos do prelo o número triplo 5-6-7 de rNG, de 366 páxinas en cuatricomía, con imaxes de portada homenaxe a Isaac Díaz Pardo e a Luís Seoane, que presenta lapelas interiores despregabeis en senllos pósters infográficos (interior da capa: “Mapamundi da Nación multinacional dos galegos e galegas en 2025”, e interior da contracapa: “Declaración Universal dos Dereitos Colectivos dos Pobos”)”. Nel colabora un total de 80 articulistas e entrevistados, residentes en Galiza, en Catalunya, en España e en diversos países de Europa e América.
O contido da publicación multiautorial está estruturado en dous dossieres, a xeito de monografías temáticas, e un caderno conmemorativo. Un leva por título “Alerta! 869.000 diaspóricos/as” (coord. Antón F. Escuredo), con artigos e entrevistas de 43 colaboradores que reflexionan sobre a complexa temática diaspórica e ilustrado con capas inspiradas en óleos de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane e cun amplo álbum de máis de 40 imaxes sobre a emigración histórica do Pobo galego, xentileza do Arquivo da Emigración-Consello da Cultura Galega e do Museo do Mar de Vigo. O outro “Progrés i Procés. Envers una Catalunya sobirana del benestar” (coords. Silvio Falcón e Uxío Meis), con artigos e entrevistas de 22 colaboradores cataláns que avalían o estado das distintas frontes de actividade da nación catalá na encrucillada postprocesista en que se atopa, ilustrado con imaxes xentileza do repositorio de fotos do Ajuntament de Barcelona.
Caderno conmemorativo interior titúlase “25 aniversario do Foro Cívico Galego de Barcelona, só un cuarto de século” (coords. Madalena Blanco Brasa e CVh), con artigos de 12 colaboradores sobre o devalar da vida da comunidade galega en Catalunya no primeiro terzo do século XXI, cunha síntese da filosofía cívica e da historia gráfica das actividades do F.C.G.B.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver