CulturaCulturaÚltima hora

Loli Rodríguez presenta na súa aldea natal, Torbeo (Ribas de Sil), a súa novela “Nailía”

A obra ten sido recoñecida co Premio Torrente Ballester de narrativa en galego 2024 e co II Premio Trvo de Narrativa en galego 2026

 

No marco das festas de verán, Torbeo (Ribas de Sil) acollía unha cita especial coa literatura na tarde do 15 de agosto. A escritora Loli Rodríguez Rodríguez voltaba á súa aldea natal para presentar ante a veciñanza a súa última novela, “Nailía”, unha obra que continúa sumando importantes distincións no panorama literario galego.

Este libro vén de ser distinguido co II Premio Trevo de Narrativa en Galego 2026 o pasado mes de xullo. O xurado destacou a riqueza da linguaxe empregada pola autora, a autenticidade da súa voz narrativa e a capacidade para construír un universo literario profundamente enraizado e de gran credibilidade. Este novo galardón súmase ao Premio Torrente Ballester de Narrativa en Galego 2024, reforzando o percorrido dunha obra que está a obter un importante recoñecemento.

Pero onte o protagonismo estivo en Torbeo. Presentar “Nailía” no lugar onde naceu a súa autora convertía o encontro nun acto especialmente próximo, no que literatura, raíces e pertenza á terra estiveron moi presentes.

 

 

Na mesa, durante a presentación, acompañaron a autora:
Antonio Paz, en representación da Asociación de Veciños e Veciñas de Torbeo.
Luis Fernández, concelleiro de Educación e Cultura do Concello de Ribas de Sil.
Rocío Rodríguez, da Librería Pelayo de Monforte de Lemos e editora de Peruchela Edicións.

Xunto a decenas de veciños e veciñas de Torbeo e persoas visitantes que estan pasando uns días de festa, e que tiveron a oportunidade de falar coa veciña e escritora e pedir que lle asinanse o seu libro.

“Desde o Concello de Ribas de Sil queremos felicitar novamente a Loli Rodríguez polos premios acadados. É un orgullo que unha autora nacida no noso concello continúe levando consigo o nome e as raíces de Torbeo e de Ribas de Sil a través da literatura”, asegura esta administración.

Fotos cedidas.

 

Back to top button