
Ata Xinzo de Limia chegaban na tardiña do 16 de agosto os grupos de Armenia, México e Senegal, dentro das XLI Xornadas de Folclore. Comezaban a súa actuación cun desfile que iniciará o seu percorrido, ás 20 horas, no Parque do Toural e finalizaba na Praza Carlos Casares ás 20,30 horas para comezar o esperado festival cos dous pases habituais, nunha das citas máis esperadas do verán.
Máis tarde, a maxestosidade do Templo da Veracruz acollía, por primeira vez nas Xornadas de Folclore, o excepcional marco de fondo para as actuacións das agrupacións de Ecuador, Serbia e Taiwán. A cita comezaba ás 22,30 horas no Auditorio da Praza da Veracruz. O templo, o segundo gran proxecto construído en Galicia polo arquitecto Antonio Palacios de toda a serie de traballos de temática relixiosa, engadía para o público asistente unha xoia arquitectónica a unha noite chea de raíces tradicionais a través da danza e a música.
A presenza do grupo taiwanés Yitzy Folk Dance Theatre nas Xornadas ten este ano unha compoñente emotiva moi especial: cumpren trinta anos. A dirección artística do mesmo expresou o seu desexo de estar nesta edición para lembrar que foi xusto neste evento ourensán, en1997, cando iniciaron a súa traxectoria de recoñecemento internacional.
Fundado en Tainan, a antiga capital e corazón cultural de Taiwán, o grupo naceu co obxectivo principal de preservar e revitalizar o folclore e as tradicións taiwanesas a través da innovación, integración e intercambio cultural, compartindo o diverso e vibrante legado do seu pobo.

A través do seu repertorio, o grupo representa cerimonias relixiosas, lendas, feitos históricos e bailes de traballos e festividades, ofrecendo unha ampla representación da cultura tradicional chinesa.
Nos seus trinta anos de existencia, este grupo ten participado en máis de oitenta cidades de todo o mundo en preto de 300 festivais de folclore. Dende 2018 acolle, xunto con grupos de Xapón e Corea do Sur, o Festival Mundial de Danza Étnica que inclúe seminarios, talleres e actuacións nos tres países, usando o baile tradicional como elemento vinculante.
Hoxe 17 de agosto: Viana do Bolo e Pobra de Trives
A Praza Maior de Viana do Bolo recibirá neste 17 de agosto, ás 22,30 horas, na Praza Maior aos grupos procedentes de Ecuador, Serbia e Taiwán.
Á mesma hora, as agrupacións de Armenia, México e Senegal iniciarán o Festival no Patio de Santa Leonor en Pobra de Trives. Tódalas actuacións son gratuítas.
