
A imaxe do San Roque, padrodeiro do barrio barquense que leva o seu nome, xa loce nas 2 equipacións que levará o equipo nesta tempada. E neste 16 de agosto, na que a veciñanza desta zona do Barco celebraba a festa deste santo cunha procesión e misa xunto á súa capela nas Casas Baratas, unha desas camisetas colocábase sobre o altar durante a misa, que era oficiada polo párroco Jesús Álvarez.
Ao rematar a eucaristía, Xabier Roo Abril, nacido neste barrio, gaiteiro e representante do CD Barco, situábase xunto ao altar e interviña para explicar a vinculación entre as orixes do CD Barco, San Roque e o Tele Club, reivindicando ademais a antigüidade da devoción por este santo. E comentaba que a imaxe del que aparece na camiseta tomábase, tal día como hoxe, hai uns anos.

Remontábase ás orixes do actual Centro de Deportes Barco, lembrando aquela liga comarcal “no ano 1973 que tan brillantemente gañou a UD Teleclub-San Roque e como daquela empezou todo (liderado por xente tamén do barrio de San Roque)”. Entre os asistentes aínda había varios protagonistas daquela fazaña (futbolistas), incluído un dos principais impulsores, o ex-cura Blas Eceiza, a quen se refería expresamente Roo.
Tamén mencionaba ás orixes do Barco nesta parte da vila, apuntando á primitiva ermida do San Roque (con referencias mesmo anteriores á existencia da propia localidade), ao “orgullo de pertenza ao barrio” e mesmo á feliz coincidencia nesta xornada” entre a celebración festiva e relixiosa do San Roque, coa actual capela ao carón das dependencias que ocupaba o antigo Teleclub (xermolo do equipo) e o actual Centro de Deportes Barco, coa imaxe do santo na camisola.

E con isto, o agradecemento ao párroco e mais aos seus compañeiros de “Os Gaiteiros do Alén”, que actuaban durante a celebración relixiosa e a procesión (colaboración totalmente desinteresada), así como co desexo dun moi bo día de festa pra todos e todas despedíase o acto.
Fotos e vídeos cedidos.