
Co fin de seguir mellorando e poñendo en valor o patrimonio natural de Viana do Bolo, o seu Concello vén de renovar unha ruta de sendeirismo e crear outra nova. Así, por unha banda, “levouse a cabo a limpeza e renovación da sinalización da Ruta do Pai Eterno, que conduce ata a emblemática árbore coñecida como O Pai dos Rebolos. Un exemplar centenario incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia pola súa singularidade e lonxevidade”, indican dende o grupo de goberno.

Ademais, vén de estrearse unha nova ruta de sendeirismo circular na zona de Santa Mariña da Ponte e Parada das viñas, “unha proposta para descubrir e percorrer unha contorna única do noso concello con espectaculares vistas ao Encoro do Bao”, di o Concello de Viana do Bolo, que aposta por “seguir potenciando o deporte e o contacto coa natureza, ofrecendo rutas accesibles, sinxelas e seguras que permitan contemplar e admirar a riqueza paisaxística do municipio”.
Fotos: Concello de Viana do Bolo.

