
O vindeiro 22 de agosto Quiroga volverá a converterse en “Qui-Roma” no marco da X Festa Castrexo Romana desta vila, cun intenso e completo programa de actividades que atrae en cada edición a multitude de persoas, a meirande parte delas vestidas de época.

O programa comezará ás 9:30h. con ruta de cabalos e ás 11h. abrirá as súas portas o Mercado Qui-Romano na Praza do Auditorio. Nesa zona desenvolveranse ao longo da mañá diversas actividades como obradoiros infantís de coiro, actividades qui-romanas, tamén haberá inchables e unha alborada cos catrexos O Recanto.
Ás 12h. terá lugar o desfile da Garda Romana Lucus Equites pola Via Rex e logo virá unha sesión vermú con Jorge Ferre.

Pola tarde poderá desfrutarse coa xa habitual exposición dos espectaculares bois de Mario Nogueira, con orixes en Quiroga, e ás 18:30h. terá lugar unha actuación do grupo de percusión Tambukada pola Via Rex (Rúa Real). Logo virá o espectáculo circense “Cirkote” de Kote Malabar na praza do Auditorio e, xa ás 20:30h. o desfile Qui-Romano “Arde Loucos”, coa partidiación da garda romana Lucus Equites, Mario Nogueira cos seus bois, Tambukada e todas aquelas persoas que se queiran sumar.

Será o limiar da esperada e multitudinaria recreación de loita de gladiadores qui-romanos contra os castrexos, no anfiteatro do Auditorio. A festa continuará pla noite cunha nova actuación de Tambukada, un espectáculo de lume de Hípica Celta, unha cea popular, a actuación do grupo La Buena Vida e, despois, con Disco Móbil Emé Music e Dj Samucapi. Todo, na praza do Auditorio.
Fotos: A.R.
