
Novo accidente na provincia de Ourense neste luns 24 de agosto. Pous despois da saída de vía en Viana do Bolo producíase outra en Xinzo de Limia cuxo condutor do vehículo tiña que ser excarcerado, segundo informan dende o 112 Galicia.
“O accidente producíase na estrada OU-1105, no quilómetro 6 aproximadamente, ao seu paso polo lugar de Piñeira Seca”, explican dende o 112 que tiña constancia do sinistro ás 15:20 horas, a través do aviso do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, “que alertaba dunha saída de vía na que había unha persoa ferida”.
Tras recibir o aviso, desde a sala de operacións do 112 Galicia informaban aos axentes da Policía Local, que, ao chegar ao punto, “confirmaron que o condutor estaba atrapado no interior do vehículo”. Decontado, solicitaban a intervención dos Bombeiros de Xinzo, e tamén daban aviso á Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil da localidade.
Finalmente, os bombeiros confirmaban que “foi necesario empregar o material de excarceración para liberar o condutor, que puido ser atendido posteriormente polos servizos sanitarios desprazados ata o lugar”.