OurenseÚltima hora

Restricións nocturnas de tráfico por obras na N-120 entre a Ponte do Milenio e a rúa Pablo Iglesias

 

A Policía Local de Ourense informa de que a estrada Nacional 120 (Avenida da Ribeira Sacra) rexistrará restricións de tráfico nocturnas mañá martes, 25, e pasado mañá mércores, 26 de agosto. “A medida afectará ao treito comprendido entre a rotonda de acceso ao centro da cidade (xunto á Ponte do Milenio) e a glorieta de acceso á rúa Pablo Iglesias (á altura da Cruz Vermella), e está motivada polas obras de mellora e acondicionamento viario que executará o Ministerio de Fomento”, explican.

“Os traballos realizaranse exclusivamente en horario nocturno, entre as 21:30 e as 7 horas do día seguinte, co obxectivo de reducir ao mínimo a afección ao tráfico rodado”, explican dende o Concello, indicando que o dispositivo deseñado “non prevé o corte total da circulación, senón un réxime de paso regulado e alternativo nos dous sentidos entre ambas as rotondas”. Porén, os vehículos procedentes da rúa Pablo Iglesias non poderán incorporarse á N-120 mentres se desenvolvan as tarefas.

Para garantir a seguridade dos operarios e dos usuarios da vía, despregarase a correspondente sinalización provisional de obra e balizaranse os desvíos obrigatorios nos puntos críticos.

Desde o Concello solicítan a “máxima colaboración á cidadanía, recomendando extremar a precaución ao volante, planificar os desprazamentos con antelación e atender rigorosamente as indicacións do persoal de obra e dos axentes da Policía Local despregados na zona”. Así mesmo, agradecen de antemán a “comprensión de veciños e condutores ante as molestias temporais que poida ocasionar a execución destas obras”.

Back to top button