
O Concello de Ourense impulsa unha nova proba deportiva: “A Media do Miño”, unha carreira de 21,097 km de distancia (media maratón) que transcorrerá integramente pola beira do río. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, e o xerente do Consello Municipal de Deportes, Mario González, mantiveron unha xuntanza co vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Eladio Gómez, para avanzar nos preparativos desta nova cita do atletismo na cidade, na que o Concello vén traballando desde hai meses.
O Concello tamén se mantén en contacto coa Deputación Provincial de Ourense, coa finalidade de que a carreira se poida organizar conxuntamente, xa que a ruta se estenderá a outro concello limítrofe.
A Federación de Atletismo establece que a saída e a chegada dunha proba destas características non se poden separar máis do 50% do percorrido total, polo que se terá que realizar un percorrido de ida e volta. A proposta do Concello é o itinerario Ourense – Alongos – Ourense. Será unha ruta “preciosa, xunto ao río”, subliñan desde o Concello, cuxa primeira edición sería no 2027. A organización traballa coa vontade de que a nova carreira se inclúa no circuíto galego e que o percorrido sexa homologable no futuro para o Campionato de España.
San Martiño 2026
Concello e Federación avanzaron tamén nos preparativos da Carreira Popular do San Martiño 2026. Xa ten data: será o domingo, 8 de novembro e o seu percorrido será “moi similar ao do ano pasado, con dúas modificacións moi pequenas para facelo máis rápido”, avanzou o alcalde. O regulamento levarase proximamente a aprobación por parte do Consello Municipal de Deportes.