Pouco antes de comezar o curso na súa academia de danza, Bayadère, no Barco de Valdeorras, Nuria Reguera ou mellor dito Sirenia Kitty, regresaba de China de vivir unha das experiencias máis bonitas á par que duras da súa vida: participar, representando a España, na I Copa do Mundo CMAS (Confederación Mundial de Actividades Subacuáticas) ou The First Mermaid World Cup que se celebraba a finais de agosto en Hainan.
Máis alá da súa faceta como bailarina, no seu tempo libre Nuria Reguera ten unha afección tan especial como bonita e curiosa, a de mermaiding ou sirenismo, unha disciplina acuática e deportiva na que se nada baixo a auga (buceo) utilizando unha monoaleta e unha cola de sirena ou tritón, combinando técnicas de apnea (mergullo libre), natación con movemento de golfiño e nado sincronizado, esixindo control físico e expresión artística ata o punto de ser considerado un deporte de risco.
“En España non é deporte oficial de momento pero en China e EE.UU. xa o é dende hai vinte anos, co cal se empezas a ser sirena ou tritón con máis de tres anos xa empezas tarde e a xente que compite adestra 9 horas diarias. Teñen unhas escolas impresionantes e con 7 anos xa fan exercicios moi intensos e complexos polo que implican fisicamente”, explica Nuria, asegurando que ela non contaba con nada diso cando decidía embarcarse nesta aventura. Unha aventura que comezaba a principios de agosto cando lle dixeron que iría a través da Federación Española de Deportes Subacuáticos onde se está preparando como instrutora de sirenas e tritóns, para competir por España. “Teño feito varios cursos pero ao non ser deporte reglado aquí de momento, a idea era ir (coa adestradora e o capitán) para ver como era o procedemento e o evento en si de cara a cando se faga aquí”, conta Nuria, que xa sorprendía o ano pasado quedando segunda no V Encontro Nacional de Sereas e Tritóns celebrado en ‘Aqua Natura Benidorm’ e primeira nunha competición en Madrid organizada por Sirenida, ambas as dúas asociacións.

Competicións que lle valían de guía a Sirenia, aínda que a medias. “O que piden nas probas das asociacións aquí é moi distinto ao que piden nas competicións oficiais”, recoñece, explicando que por exemplo, en España conta moito a apnea e preparaba as probas así, con moita apnea e pouca recuperación pero alí era distinto co cal tiña que facer cambios nos seus bailes para subir máis veces e volver baixar. “Enterámonos de moitas cousas sobre a marcha”, di Nuria, como por exemplo que puntuaba (de 0 a 25) que a indumentaria estivese relacionada coa actuación “e eu levaba a miña cola de sempre que non tiña nada que ver con co meu espectáculo Con mi acento, un baile flamenco. O resto levaba varias colas, así que fixemos uns volantes para as mangas e arreglamos como pudemos”, conta a modo de anécdota. Tamén contaba moito facer picadas, “canto máis baixabas máis puntuaba e despois a estética, a destreza, conectar co público, que non saíran burbullas a non ser que fose parte do baile, tempo de apnea, menor tempo de descanso na superficie… E eu a pesar do medo que levaba, dúas das picadas fíxenas a máis de seis metros de profundidade onde estiven bailando”.
Porque si pasou medo. “Eu adestro nunha piscina de 2,15 metros e os adestramentos en China facíaos en tanques de 4 metros pero a competición era nun de 14. No mar o máximo que baixei foron 6 metros co cal foi unha experiencia moi boa pero á vez moi mala, porque vía adestrar á xente por alí baixando os 13 metros (se tocabas fondo penalizaban), bailar e subir con total tranquilidade e a min entroume o pánico, de feito no primeiro adestramento agarreime a un boia e boteime a chorar”, recoñece, aínda que tiña claro que ía competir. “Xa que chegara ata alí, non o ía deixar así que fíxeno, supereime a min mesma e iso encantoume. Competín contra os grandes do mundo entre eles o campión de apneas que como afección é tritón e alí onde vai gaña, polo que foi espectacular”. A parte negativa desta gran experiencia, o agobio, a tensión, o estrés,… porque non é doado asimilar que empezou polo máis alto, o mundial, saltando as competicións rexionais, nacionais e europeas.

E por se todos eses requisitos (entre outros moitos) non fosen xa bastante para pagar a novatada, Nuria nunca buceara con plomos (1 quilo en cada concha aos lados no cinto), porque axuda a baixar pero dificulta a flotabilidade para recuperar polo que se negaba a pesar de que os adestradores insistían en que tiña que poñelos “porque os chinos baixan e bailan quietos polo peso que levan porque sen el vas subindo sen querer e iso quita puntos”. Conseguiron convencela con 1 e claro estaba moito mais estable bailando pero para subir custaba o triple, así e todo o día antes da competición xa lles dixo que lle puxeran dous, un a cada lado. “Eu sen experiencia e sen saber cando se necesita para cada cousa porque os que competiron si que o teñen todo super medido, polo que pedín permiso para poder probar pero non mo deron co cal competín sen ter probado”.

Había categoría júnior e adulto e varias modalidades, unha era execución de exercicios e algúns Nuria nin os coñecía; e ela presentouse á modalidade de danza de sirena, bailando por Lola Flores, Manolo Escobar e Niña Pastori. “Foi o espectáculo que máis se saía do común polo que gustou moito e os gañadores, despois de recibir a medalla e o ramo de flores, acercábanse a min para dicirme que se lembraban de min e que lles gustara moito a miña actuación, regalándome o ramo de flores, foi moi bonito”, di unha emocinada sirena moi orgullosa do que fixo para o adestramento que levaba e o pouco que sabía. Foi por mediación do C.D Nordeste de España, para probar e aprender, e sacaba 103, 83 puntos. “Competía contra 39 e quedei ano posto 22º, algo que non me esperaba porque eran dos mellores do mundo e soubome a gloria”, recoñece, orgullosa de que moitos membros do xurado (había 100) se acercasen a ela para felicitala porque lles gustara. “Dicían mágoa non ter baixado máis metros… e iso sube moito a autoestima”.
E non é para menos, coa bandeira de España Sirenia Kitty medíase cun cento de deportistas no Hainan Ocean Paradise Resort. Un espectacular complexo que abarca unha superficie de 1,33 quilómetros cadrados, con cinco zonas principais e máis de 40 atraccións, incluído o tanque no que bailou con peixes, algúns máis grandes que ela.

Fotos e vídeos cedidos.