PolíticaÚltima hora

O PP do Barco teme que a reforma da praza Maior da vila supoña unha “perda da súa esencia”

A eliminación da balaustrada de granito "modificará unha imaxe que varias xeracións de veciños identifican cun dos lugares máis emblemáticos do Barco", din os populares

Praza Maior do Barco vista dende a praza de San Mauro./ Foto: A.R.

 

O Partido Popular do Barco vén de emitir unha nota de prensa na que amosa a súa preocupación polas “consecuencias que a reforma da Praza Maior pode ter sobre os negocios da zona. Sete meses de obras non son unha simple incomodidade. Para un pequeno negocio significan seguir pagando alugueiros, nóminas, recibos e provedores mentres pode sufrir dificultades de acceso, perda de visibilidade e unha importante diminución de clientes”.

Así mesmo, os populares apunta que “o propio proxecto recoñece que a Praza Maior funciona como punto de encontro diario grazas aos establecementos de hostalería existentes. Por iso, non se pode falar de recuperar a vida da praza sen ter especialmente en conta a quen a mantén viva durante todo o ano. As prazas non teñen vida unicamente polos seus pavimentos, o seu mobiliario ou as obras que se executan nelas. Teñen vida porque hai veciños que as habitan, persoas que as percorren e negocios que levantan cada mañá as súas persianas”.

Neste senso, o PP asegura que está a favor de renovar a Praza Maior e valora o proxecto técnico realizado, pero, engade, “tamén nos preocupa que unha transformación tan profunda poida facer que a praza perda parte da súa esencia. A eliminación da balaustrada de granito modificará unha imaxe que varias xeracións de veciños identifican cun dos lugares máis emblemáticos do Barco porque, aínda que a balaustrada non pertenza á configuración máis antiga, forma parte da súa evolución e da memoria colectiva máis recente. Modernizar non pode significar borrar nin converter un espazo histórico nun deseño que podería atoparse en calquera outra localidade”.

Así mesmo, o PP do Barco asegura que “estaremos atentos ao desenvolvemento dos traballos, ao cumprimento dos prazos e ás condicións nas que os negocios poidan manter a súa actividade. Queremos unha Praza Maior renovada, accesible e aberta ao Sil, pero tamén chea de vida e reconocible como parte da historia do Barco”.

Back to top button