
O C.R.D.O. Ribeiro recibía nesta semana ao xornalista especializado do portal Vinous.com, Joaquín Hidalgo, que visitaba por segunda vez territorio galego para coñecer de primeira man os seus viños, variedades de uva, adegas e produtores. O experto catador de viños españois para a publicación Vinous percorría durante esta semana a Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, alén de participar nunha completa cata de 27 viños na sede do Consello Regulador, en Ribadavia, formada por 25 brancos e dous tintos, de diferentes colleitas, desde 2023 ata 2025, e elaboracións, para continuar visitando durante varias xornadas diferentes produtores e viñedos, desde pequenos colleiteiros ata adegas grandes e medianas, empapándose de todo a súa saber facer para poder valorar e divulgar as principais características desta rexión.
Joaquín Hidalgo, xornalista e enólogo arxentino, escribe de viños e gastronomía desde hai máis de 20 anos en diversos xornais e outras publicacións especializadas. Foi elixido en 2023 para suceder en Vinous.com ao crítico Josh Raynolds como catador dos viños españois para a publicación. Os seus principais propósitos na súa andaina, tras un gran traballo de divulgación dos viños de Arxentina e Chile, é o de achegar profundidade de coñecemento do viño de España, afondando en todos os territorios vinícolas españois e coñecer a maior cantidade de variedades de uva autóctonas do país, así como os viños elaborados con elas e as adegas e proxectos que se están levando a cabo.
Vinous.com é unha publicación independente sobre viños fincada nos Estados Unidos. A revista conta cun gran equipo de críticos e escritores de renome, recoñecidos a nivel internacional. Estes expertos publican anualmente preto de 30.000 reseñas de viños e ofrecen unha cobertura profunda de novos lanzamentos, retrospectivas, catas verticais, visitas a produtores, mapas interactivos, recomendacións de restaurantes, entre outras cousas, todo publicado nun fluxo continuo e diario de artigos. Vinous conta con máis de 1,5 millóns de subscritores vía e-mail en máis de 100 países e é un dos medios sobre viños máis respectados a nivel internacional.
Concha Iglesias, presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, puido conversar co experto catador durante a súa visita ás instalacións do Consello Regulador e comenta “que recoñecidos prescritores como Joaquín Hidalgo se trasladen á nosa D.O., coa intención descubrila a fondo, confirma o gran interese que suscitan os nosos viños e adegas a nivel internacional. E nuns meses o seu informe fará que se amplíe o coñecemento sobre as nosas variedades de uva autóctonas, as nosas adegas, así como o noso histórico territorio”.