
O Carballiño quenta motores para celebrar os días grandes das Festas do San Cibrao 2026. A vila rende homenaxe ao seu patrón cunha variada programación cultural, na que se mesturan música de rúa, actuacións tradicionais e grandes orquestras. Os festexos, organizados pola comisión de festas do San Cibrao co apoio do Concello, comezan mañá e finalizan o sábado 19, como é tradición, coa Romaría da Saleta.
Entre as citas máis esperadas pola poboación destacan as dúas tiradas de fogos de artificio (a habitual da noite do 16 e unha máis, o 18, adicada á Festa do Pulpo) e a celebración da gran Festa da Xuventude, que será unha continuación da cita levada a cabo o día da Festa do Pulpo. Desde a comisión de festas, así como desde o goberno local, convidan a toda a veciñanza e á poboación do resto da provincia a desfrutar da ampla programación.
A xornada de mañá comeza cedo, ás 11:30 horas, co pasarrúas da Charanga Castrobello pola vila, que se repetirá pola tarde, ás 19 horas. Por outra banda, ás 18:30 horas será o concerto da Escola Moderna Pulpo Beats. Á noitiña, a verbena correrá a cargo do Grupo Assia na Praza Maior, que comezará o primeiro pase ás 20:30 horas e o segundo ás 23 horas.

O mércores, día 16, haberá o habitual Feirón do Carballiño, que contará coa animación musical dun grupo de música tradicional da vila. Ás 20 horas actuará a orquestra Gran Parada na Praza Maior, no primeiro pase. Ás 23 horas realizarase a gran tirada de fogo fixo e voador no Parque Municipal, unha das citas máis especiais das festas. Ás 23:30 horas, Gran Parada iniciará o segundo pase na Praza Maior, e ás 00,30 horas comezará a actuación da orquestra Combo Dominicano na Praza da Veracruz.
O día de San Cibrao, o xoves, arrancará ás 11:30 horas co pasarrúas da Charanga CLK, que se repetirá ás 19:30 horas polas rúas da vila. A Agrupación Musical de Boborás tamén actuará durante a tarde, que rematará co concerto de Gallaecia Big Band na Praza Maior ás 20 horas. Pola noite, a orquestra Olympus será a encargada de poñer a nota musical a partir das 23 horas na Praza da Veracruz.
Ao día seguinte será a Charanga Dr.Anchoa a que inicie a xornada festiva cun pasarrúas ás 11:30 horas, que repetirá pola tarde, a partir das 19:30 horas. A xornada continuará coa Orquestra Principal, que actuará na rúa Calvo Sotelo ás 20 horas, en primeiro pase, e ás 23:30 horas, en segundo pase.

Ás 23 horas o Parque Municipal acollerá a segunda gran tirada de fogo fixo e voador, unha proposta moi especial ao estar adicada á Festa do Pulpo, na que participaron milleiros de persoas ao longo das tres semanas de actividades. A Praza Maior acollerá a partir das 23:30 horas a Festa da Xuventude coa célebre discomóbil A Gramola, outra das principais novidades deste ano. O evento, que será unha continuación da cita da Festa do Pulpo, contará coa participación de dj’s tan coñecidos como Saul Gallego, Imcode, Duo y Medio e Diego Valeiras.
O sábado, día 19, é a Gran Romaría da Saleta, a tradicional cita relixiosa á que cada ano acuden milleiros de persoas. Na vila do Carballiño, pola súa parte, realizarase o tradicional Memorial José Luis Blanco Encontro de coches clásicos e históricos, que reúne a numerosos afeccionados ao motor e aos vehículos antigos. O evento comezará ás 10 horas na Praza da Veracruz. Pola tarde, ás 17 horas, terá lugar a Masterclass do recoñecido fotógrafo Mario Cea na Casa da Cultura. A cita forma parte das actividades do Arenteiro Fotográfico.
Xa o domingo, día 20, como broche de ouro da semana, celebrarase o Día do Neno, o que suporá descontos para os máis pequenos en atraccións e xogos.