OurenseÚltima hora

“Las ciegas hormigas (Inurri itsuak)” inaugurará a 31ª edición do OUFF

O novo filme de Igor Legarreta terá a súa estrea en Galicia o venres 25 de setembro no Auditorio Municipal de Ourense

 

O OUFF · Ourense Film Festival anuncia a produción cinematográfica que abrirá a programación desta 31ª edición: a gala inaugural celebrará a estrea en Galicia de Las ciegas hormigas (Inurri itsuak) o venres 25 de setembro no Auditorio Municipal de Ourense.

A obra supón a terceira longametraxe do cineasta vasco Igor Legarreta (Todas las lunas, Operación Marea Negra). Ambientada en Bizkaia no ano 1935, a historia arrinca cando un duro temporal fai embarrancar na costa de Algorta un barco inglés cargado con toneladas de carbón. Mentres a poboación local se apiña para rescatar o recurso, Sabas Jáuregui ve unha oportunidade para salvar a súa familia do inverno, ignorando os malos presaxios da súa muller, Josefa, e arrastrando os seus fillos cara á violenta tormenta nunha loita desesperada por protexer o carbón.

O filme conta cun elenco encabezado por Urko Olazabal, Itziar Ituño, Josean Bengoetxea e Carlos Santos. Trátase dunha produción de Lamia Producciones, Lamia Films e LAZONA Zinema, distribuída por Buena Vista International.

Entrega da Calpurnia de Honra a Javier Gutiérrez

O marco desta gala inaugural servirá tamén para render tributo a un dos grandes nomes da nosa interpretación. Durante o acto, faremos entrega da Calpurnia de Honra desta 31ª edición ao actor Javier Gutiérrez, recoñecendo a súa dilata e brillante traxectoria no cinema, no teatro e na televisión.

Coa selección desta proxección e a homenaxe a Javier Gutiérrez, o certame reafirma o seu compromiso coa excelencia cinematográfica e a divulgación do talento.

 

Back to top button