OurenseÚltima hora

A Deputación destina 1,3M€ á cooperación local e colaboración con entidades, xunto coa convocatoria do II Plan provincial de Lectura

No capítulo de cooperación cos concellos, aprobáronse 21 subvencións destinadas a 17 entidades locais da provincia, por un importe total de 833.550,55 euros, para infraestruturas básicas como comunicacións ou saneamento e abastecemento, novos espazos deportivos e accións relacionadas coas emerxencias e a seguridade

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de aprobar na mañá deste 14 de setembro a concesión de máis de 1,3 millóns de euros (1.301.646,15) para unha trintena de axudas destinadas a cooperación cos concellos e colaboración con entidades, así como tamén as bases do segundo Plan provincial de Lectura, correspondente á convocatoria de 2026. Un programa que “dá resposta a unha das liñas estratéxicas da política de subvencións da institución provincial, como é o fomento da cultura”, destacou o presidente provincial, Luis Menor, na rolda de prensa posterior á sesión.

O Plan provincial de Lectura conta cunha dotación económica de 350.000 euros, destinados a financiar a adquisición de libros por parte de persoas menores de idade (nadas en 2008 en adiante) e empadroadas en concellos da provincia. A iniciativa, aprobada polo pleno en abril do pasado ano, ten como obxectivo “promover os hábitos de lectura e favorecer o acceso á cultura entre a mocidade ourensá”, remarcou Luis Menor.

Segundo as bases aprobadas esta mañá, a compra de libros poderase realizar desde o 15 de outubro ata o 18 de decembro, estando excluídos libros de texto e material escolar. Ademais, con esta achega as persoas beneficiarias só poderán mercar un exemplar, cun custo máximo de 20 euros, IVE incluído. A compra só realizarase nos establecementos adheridos a este plan, que poderán presentar a súa solicitude de participación entre o 25 de setembro e o 10 de outubro.

Cooperación con entidades locais

Polo que respecta á cooperación cos concellos, a orde do día desta Xunta de Goberno incluíu 21 subvencións destinadas a 17 entidades locais da provincia, por un importe total de 833.550,55 euros. Esta cantidade estará destinada fundamentalmente a infraestruturas básicas como comunicacións ou saneamento e abastecemento, novos espazos deportivos e accións relacionadas coas emerxencias e a seguridade.

No detalle das achegas aprobadas a concellos figura unha subvención para o arranxo do camiño entre Salgueiro e Marzáns, en Xunqueira de Ambía, por importe de 10.000.

Os concellos do Pereiro de Aguiar e O Barco de Valdeorras recibirán 40.000 euros cada un para gastos de funcionamento do GES. Ademais, Beariz contará con 30.000 euros para reformas nas oficinas da casa cuartel da Garda Civil.

En materia de medio ambiente, Allariz contará con preto de 7.000 euros (6.739) para a mellora da eficiencia hídrica en xardíns, e Avión disporá de 22.000 euros para o acondicionamento do xardín do Centro Alventus.

A Xunta de Goberno aprobou tamén na sesión de hoxe tres achegas para o Concello de Carballeda de Avia: 30.000 euros para a reparación de captación de tubaxes de abastecemento de auga en Abelenda; 12.000 para reparación e ampliación de placas fotovoltaicas na estación depuradora de augas residuais; e case 18.000 euros (17.908) para a redacción do proxecto de reconstrución da ponte sobre o Regato de Gateira.

Boborás recibe desta volta dúas achegas: unha por valor de 12.000 euros para o cofinanciamento do Plan Marco, e 10.000 para cofinanciar o proxecto Senlleiro. Tamén aprobáronse dúas subvencións ao Concello de Vilamarín: 47.993,44 euros para a mellora dotacional na OU-189; e 200.000 euros para a construción do polideportivo, na anualidade correspondente a 2026.

A relación de axudas complétase con 24.100 euros para a construción dun galpón en Santa Catalina, en Cartelle; 17.000 para mobiliario urbano e de parques e xardíns en Celanova; 48.000 euros para o arranxo da estrada a Valilongo, en Cortegada; 12.669,99 euros destinados ao asfaltado na localidade de Senderiz, en Lobeira; e 48.399 euros ao Concello de Melón para a mellora da N-120 no tramo deste concello.

Xunqueira de Espadanedo disporá de 40.000 euros para unha pista multideporte; Arnoia executará a mellora do saneamento no pobo de Remuíño, cunha axuda de 14.741,12 euros; e Sandiás construirá unha nave destinada a almacén cunha axuda de 150.000 euros.

 

 

Colaboración con entidades

Polo que respecta á colaboración con entidades, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de sete subvencións, por importe de 118.095,6 euros, para actividades relacionadas co medio ambientais, sociais, culturais e deportivas.

Así, aprobouse unha achega de 35.000 euros a favor da Federación Galega de Piragüismo para campionatos nacionais, autonómicos e provinciais, correspondentes a temporada 2025-2026.

A Asociación de Veciños Montes de Puxedo, Guende e A Cela, no concello de Lobios, vai contar con 12.000 euros para iniciativas de mobilidade sostible na Reserva de Biosfera Gerês-Xurés e nos núcleos históricos, mentres que tamén na Baixa Limia, a Fundación Aquae Querquennae Via Nova disporá de case 20.000 euros (19.999,30) para reparacións no seu centro de interpretación.

Tamén se aprobaron dúas subvencións para senllos colectivos veciñais: 13.000 euros para a asociación da parroquia de Santa María de Macendo (Castrelo de Miño), e 7.096,30 para a asociación de San José de Vista Hermosa (Ourense), con destino en ambos os casos á mellora dos locais sociais.

No ámbito cultural, as Xociviga (Xornadas de cine e vídeo de Galicia) recibirán unha axuda de 2.000 euros para o Festival de curtas; e a Coral da Ruada destinará 29.000 euros a financiara súa actividade musical.

Back to top button