EconomíaEconomíaÚltima hora

Preséntanse os I Premios ao Comercio en Verín, organizados por AEVER

Seis galardóns recoñecerán diferentes formas de contribuír á evolución e dinamización do comercio local

 

A Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín (AEVER) presentou esta mañá a primeira edición dos Premios ao Comercio de Verín, unha iniciativa que conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia, a través de Comercio Galego, e coa colaboración do Concello de Verín. Estes galardóns nacen para recoñecer o traballo dos negocios locais e a súa contribución á actividade económica e social da vila.

Na rolda de prensa participaron Esther Gómez, presidenta de AEVER, encargada de presentar a campaña; Gabriel Alén Castro, director xeral de Comercio e Consumo; Manuel Lorenzo, en representación da área de comercio municipal; e Marta Vázquez Guzmán, directora territorial na provincia de Ourense.

A convocatoria, con seis categorías, mantén aberto o prazo de presentación de candidaturas ata o 21 de setembro. Os gañadores coñeceranse o 2 de outubro nunha Gala no Auditorio de Verín, conducida pola actriz Iria Sobrado e coa música en directo de Mr. Cool.

Nesta primeira edición, os Premios ao Comercio de Verín artellaranse arredor de seis categorías que buscan representar diferentes realidades do tecido comercial da vila
● Comercio de toda a vida, en recoñecemento á traxectoria e á súa presenza na memoria do comercio verinés.
● Renovación ou relevo xeracional, para negocios que souberon adaptarse e evolucionar mantendo a súa esencia.
● Compromiso coa comunidade e identidade local, destinado a establecementos cunha especial vinculación coa vila e coa súa contorna.
● Novo comercio, para iniciativas abertas nos últimos tres anos.
● Innovación comercial de proximidade, para negocios que incorporan novas ideas, servizos ou maneiras de mellorar a experiencia comercial.
● Mellor comunicación comercial de proximidade, que recoñecerá a capacidade para comunicar, construír marca e conectar coa clientela.

O director xeral destacou a capacidade desta proposta para combinar recoñecemento, participación cidadá e promoción do consumo de proximidade, convertendo o comercio nun elemento fundamental da actividade económica e social de Verín.

Neste sentido, puxo en valor o compromiso de Aever cun sector que, ademais da súa achega económica, contribúe á vitalidade das rúas, á xeración de emprego e á construción da identidade da vila. Precisamente durante o acto tamén se procedeu ao sorteo dos premios da campaña Volta ao cole, coa extracción dos tres cheques de 50 euros entre as persoas participantes.

 

 

Candidaturas ata o 21 de setembro

Os establecementos interesados poderán presentarse a unha ou varias categorías ata o próximo 21 de setembro. Será suficiente con enviar por correo electrónico á dirección info@ccaverin.com unha pequena memoria explicando a actividade do negocio e por que encaixa na categoría ou categorías escollidas, acompañada de exemplos concretos e, se é posible, algunha fotografía do establecemento.

A organización anima aos comercios a presentar a súa candidatura e poñer en valor aquilo que están facendo diferente ou especialmente ben. Non se busca unha presentación profesional nin unha documentación complexa: o importante será poder coñecer o proxecto e os motivos que sustentan cada candidatura.
Unha gala para celebrar o comercio de Verín
Os gañadores coñeceranse o 2 de outubro, ás 21.00 horas, no Auditorio de Verín, nunha Gala que reunirá ao tecido comercial da vila nunha noite pensada para celebrar e poñer en valor o comercio local.

A actriz Iria Sobrado será a encargada de conducir unha gala que contará tamén con Mr. Cool, responsable de poñer banda sonora á noite. A Gala contará con aforo limitado. A información sobre a dispoñibilidade e acceso de entradas para o público darase a coñecer proximamente.

Antes da celebración, e como parte destes Premios, publicaranse tamén unha serie de entrevistas para as redes sociais de AEVER con diferentes voces de Verín, que compartirán como viven o comercio local, as súas experiencias e a relación que manteñen con el, co obxectivo de levar o comercio á conversa pública e poñer en valor o papel que os negocios desempeñan na vida cotiá da vila.

Back to top button