
Máis de dúas horas e media de debate, innovación e participación cidadá nun foro que reunía a representantes institucionais, emprendedores e veciñanza para reflexionar sobre novas oportunidades para o territorio. San Xoán de Río convertíase neste 15 de setembro nun punto de encontro para a innovación, o turismo e o desenvolvemento territorial coa celebración do Foro de Sustentabilidade, Innovación e Turismo, organizado polo Concello e Rural University Hub.
A xornada, que se prolongou durante máis de dúas horas e media e continuou posteriormente cun espazo informal de networking entre participantes, tivo como gran protagonista a intervención de Mario Solano, representante da familia creadora de Selvatura Park, un dos proxectos de ecoturismo máis recoñecidos de Costa Rica e América Latina.
A súa exposición espertou un enorme interese entre os asistentes ao relatar a evolución dun proxecto que naceu da iniciativa dunha familia gandeira de Monteverde e que hoxe se converteu nun referente internacional do turismo de natureza, xerando arredor de 300 postos de traballo directos e atraendo visitantes de todo o mundo.
A explicación do modelo Selvatura permitiu coñecer como un territorio rural foi capaz de transformar os seus recursos naturais en actividade económica, emprego e oportunidades para a súa poboación, unha experiencia que provocou numerosas reflexións entre os asistentes sobre o potencial da Ribeira Sacra e de San Xoán de Río.
A apertura da xornada correu a cargo do alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, acompañado por Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, e por Cecilio Santalices, representante de Turismo de Galicia.
Durante a súa intervención, Alexandra Seara realizou un percorrido pola evolución turística da Ribeira Sacra e polo traballo desenvolvido nas últimas décadas para consolidar o territorio como un dos principais destinos turísticos de Galicia. Pola súa banda, Cecilio Santalices destacou a importancia de impulsar iniciativas capaces de ampliar a oferta turística e contribuír á desestacionalización do sector.
Un dos aspectos máis valorados polos participantes foi o compromiso mostrado polas institucións presentes. Lonxe de limitar a súa participación aos actos inaugurais, os representantes institucionais permaneceron durante toda a xornada, asistindo ás diferentes presentacións, participando nos debates e compartindo impresións cos asistentes, nun exemplo de colaboración e implicación pouco habitual neste tipo de encontros.
A xornada serviu tamén para amosar o ecosistema de proxectos que está a medrar en San Xoán de Río. Natalia, Jael e Xacobe presentaron NODO HUB SXdR, dando a coñecer as súas liñas de traballo vinculadas ao coliving, á prevención e loita contra os incendios forestais e á creación dunha cooperativa de produtos locais.
Posteriormente, Rosa presentou Rural Valley, o primeiro campus de startups do rural español, unha iniciativa que busca atraer talento, emprendedores e proxectos innovadores ao territorio. Tamén participou Juan Carlos, impulsor de Piel Natura, quen explicou o seu proxecto de cosmética natural baseada en recursos locais e na creación de valor engadido desde o medio rural.
O encontro concluíu cun debate aberto de máis dunha hora, no que veciños, emprendedores, relatores e representantes institucionais intercambiaron ideas sobre o futuro de San Xoán de Río, abordando cuestións relacionadas co turismo, o emprendemento, a vivenda, a actividade económica e a capacidade do territorio para atraer novas oportunidades.
Desde a organización valorouse a xornada como un éxito rotundo, tanto pola asistencia e participación da veciñanza como pola calidade das intervencións e polo nivel dos proxectos presentados.
O foro volveu poñer de manifesto a capacidade de San Xoán de Río para reunir experiencias internacionais de referencia, iniciativas innovadoras e apoio institucional arredor dun obxectivo común: crear oportunidades e construír futuro desde o territorio.