OurenseÚltima hora

Entre muíños, fervenzas, mosteiros e gastronomía, no Castro Caldelas e Montederramo co proxecto “Rebrota Silbina”

 

Nova cita co proxecto “Rebrota Silbina”, promovido polo GDR Sil-Bibei-Navea. Na pasada fin de semana, en concreto o 12 de setembro, desenvolvíase unha atractiva proposta nos concellos do Castro de Caldelas e Montederramo.

Un grupo de 40 persoas, chegadas de diferentes puntos de toda Galicia, desfrutaban dunha experiencia de inmersión nestes concellos das Terras de Caldelas, cun interesante programa de actividades que incluían sendeirismo interpretativo, visitas culturais, degustación e feira de produtos locais.

Os actos comezaban ás 9:15h. co inicio dunha ruta de sendeirismo interpretada dos muíños e as fervenzas do Río Edo, tras unha recepción e presentación da contorna, na Praza do Prado do Castro de Caldelas. Este traxecto internábase nas espesas fragas do canón do río Edo, o cal descende formando espectacuales pozas e fervenzas, entre un fermoso bosque de galería. Posteriormente, regresábase á vila do Castro se fixo pola Igrexa de San Xoán de Camba, onde se explicaba a relevancia deste elemento patrimonial, así como as recentes escavacións arqueolóxicas realizadas nel. Logo, retornábase ao punto de incio seguindo a ruta dos Bosques Máxicos pola parte alta da vila.

 

 

Ao mediodía, o grupo desprazábase ao veciño concello de Montederramo, no macizo central ourensán, onde lles agardaba unha esquisita degustación de produtos locais elaborada polo persoal do Bar Bodegón. Entre os petiscos que se puideron probar non faltaron os embutidos do Castro, búrguer de tenreira ecolóxica de Montederramo, empanada de tenreira, mel de Leboreiro e por suposto as típicas bicas da zona das panaderías Gaínza e Vilanova. Todo acompañado de viño mencía e godello da Ribeira Sacra.

 

 

As persoas participantes tiveron á súa disposión un mercadiño de produtos locais para poder levar á súa casa o mellor da zona. Despois da comida, houbo tempo para compartir lendas e contos da zona así como sorteo de agasallos proporcionados polo GDR Sil-Bibei-Navea. E, como remate,  concello de Montederramo agasallaba aos participantes cunha visita guiada á xoia do municipio, O Mosteiro de Santa María de Montederramo, interpretado polo seu guía oficial Álvaro.

Fotos cedidas.

 

 

Back to top button