
Continúa activo o incendio forestal que se iniciaba ás 15:25h. do 15 de setembro no municipio de Quiroga e que xa afecta a unha superficie dunhas 250 hectáreas segundo a última actualización feita pública pola Consellería do Medio Rural. “Pasadas as tres da tarde iniciábase un lume na zona de Malcatán, entre Campos de Vila e Penas Rubias. Pese a intervención de numerosos medios terrestres e aéreos, o lume que se iniciaba nunha zona arborada comezou a correr descontrolado, avivado polas altas temperaturas e polo forte vento desta tarde”, segundo explicaban a última dende o Concello de Quiroga.
Tamén facía público esta administración local que a “Xunta de Galicia instalaba ás nove da noite un posto de mando avanzado na gasolineira de Quiroga dende o que coordinan os numerosos equipos de extinción terrestres que ían chegando á zona para participar na loita contra as lapas que se movían rapidamente entre as árbores”.

Ata este posto de mando, achegábase o Alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, que xa se desprazara durante a tarde, xunto co concelleiro do Medio Rural e Medio Ambiente, Luis Manuel Arias, ata a zona do incendio.
Polo de agora este lume non ten afectado a ningún núcleo de poboación.
“Está estabilizada unha parte, pero aínda hai lume, agora mesmo están a traballar os medio aéreos a tope”, indica o alcalde de Quiroga. “Está o lume entre Campos de Vila e Penas Rubias, pero de momento non está cerca de ningún núcleo de poboación, pero cos incendios nunca se sabe, ao cabo do día nunca sabes o pode pasar. Hoxe parou o vento que onte sopraba forte e xogaba en contra dos labores de extinción”.
Arestora participan no operativo de extinción do lume 33 axentes, 35 brigadas, 29 motobombas, 6 pas, 9 técnicos, 2 unidades técnicas de apoio, 12 avións e 7 helicópteros.
Con respecto aos medios do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico despregados no operativo de extinción, estes son os seguintes, tal e como indica este organismo: 2 avións anfibios FOCA, 1 brigada helitransportada e 2 helicópteros bombardeiros. O ministerio informa tamén de que están “traballando de forma coordinada co dispositivo autonómico para apoiar as tarefas de control e extinción do lume”.
Fotos: RTM Quiroga.