CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O Claustro Barroco despide o verán con Xabier Díaz e un tributo a ABBA, Queen e The Beatles

 

O Claustro Barroco do Mosteiro de San Salvador de Celanova segue sendo escenario, este mes de setembro, de novas propostas culturais para a veciñanza. Este sábado, 19 de setembro, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre volven ao cenobio de San Rosendo para despedir o verán cun concerto especial ao son da música galega. Ás 20.00 horas comezará un espectáculo cargado de maxia e historia onde o Claustro Barroco se converterá no espazo perfecto para botar un baile ao ritmo das ferreñas.

O sábado, 26 de setembro, está previsto o concerto “Á Luz das Velas”. Unha nova proposta musical que encherá de maxia e luz o Claustro Barroco do Mosteiro de San Salvador cun tributo especial a ABBA, Queen e The Beatles. A actuación organizada por Velas & Candelas ten aforo limitado e comezará ás 20.30 horas.

As persoas interesadas en asistir aos concertos poden mercar as entradas na Oficina de Turismo de Celanova ou ben a través de ataquilla.com.

Lira de Ribadavia

O sábado 26 de setembro, ás 19.00 horas, o Auditorio Municipal Ilduara de Celanova (AMIC) acollerá o concerto da Banda A Lira de Ribadavia co repertorio que interpretará no XIX Certame Galego de Bandas de Música, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares, que terá lugar os días 10 e 11 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra. A actuación, que conta coa colaboración da Banda de Música de Celanova, é de entrada libre e gratuíta ata completar aforo.

Back to top button