O Concello de Rairiz de Veiga acolleu a presentación oficial da Romaría da Saínza 2026, que se celebrará do 24 ao 27 de setembro, na que participaban a alcaldesa, Josefa Asunción Morgade; a colaboradora da festa, Ana Míguez; o cañoneiro, Daniel Ferreiro; o capitán do bando cristián, Breogán Prieto; e o xefe do bando mouro, José Antonio Bretaña.
Durante o acto, a rexedora subliñou o valor desta celebración tradicional e puxo en valor “o traballo de toda a veciñanza para manter viva unha das representacións de historia e tradición máis senlleiras da comarca”.
Unha das grandes novidades desta edición é a recuperación do combate infantil de mouros e cristiáns, que levaba anos sen realizarse e que terá lugar o sábado 26 de setembro ás 18:15 horas no campo do Castelo, garantindo así a “remuda xeracional desta festa de interese turístico”.
Con todo, a programación inclúe dous momentos destacados, de gran dramatismo e espectacularidade ,que atraen cada ano a centos de visitantes. O primeiro, a Noite Moura: Asalto ao Castelo, terá lugar o sábado 26 de setembro. Tras o desfile do exército cristián ás 23:45 horas dende a Capela da Saínza ao Campo do Castelo, ás 00:00 horas celebrarase a XIX edición do Asalto ao Castelo por parte dos Mouros no Campo de Batalla. O segundo, o Gran Combate de Mouros e Cristiáns, terá lugar o domingo 27 de setembro. Trátase do acto máis emblemático da romaría e terá lugar ás 12:45 horas no campo de batalla, onde se enfrontarán ambos bandos nunha representación épica e chea de tradición.
O Concello de Rairiz de Veiga convida a toda a veciñanza e aos visitantes da provincia e de toda Galicia a achegarse durante estas xornadas a gozar duns festexos únicos que conxugan fe, cultura, espectáculo e convivencia.

Xoves 24/09/2025
12:15h: Procesión da Nosa Sra. da Mercé da Capela de A Saínza acompañada pola Escola de Gaitas Municipal de Rairiz de Veiga.
19h: Actuación no campo da festa do Trío Iris.
Venres 25/09/2025
17h: Xogos infantís con monitores no campo da festa.
21h: Actuación do grupo Xoldra.
00h: III Festival Sainza Soundscape no campo da festa coa discoteca móbil A Gramola Tour Life.
Sábado 26/09/2025
18:15h: IX Edición “O meu primeiro combate de mouros e cristiáns” no campo do Castelo.
19h: Procesión da Nosa Sra. da Mercé da Capela de A Saínza ata a Igrexa San Xoán de Rairiz de Veiga.
21:30h: Actuación no campo da festa da orquestra Triunfo.
23:45h: Desfile do exército cristián dende a Capela de A Saínza ao Campo do Castelo.
00h: XIX Edición “Noite Moura: Asalto ao Castelo” por parte dos Mouros no Campo de Batalla.
Verbena con alternancia musical: Orquestra América S.L. (00:30h. e 03:30h.) e orquestra Triunfo (02h.).
Domingo 27/09/2025
11h: Descarga de Bombas de Palenque.
11:30h: Saída da Procesión dende a Igrexa San Xoán de Rairiz de Veiga ao Castelo de A Saínza acompañada pola Escola de Gaitas Municipal de Rairiz de Veiga.
12h: Misa solemne no campo de batalla.
12:45h: Gran Combate de Mouros e Cristiáns no campo de batalla.
14h: Sesión vermú no campo da festa coa charanga Los Támega.
17h: Actuación no campo da festa da charanga Los Támega.
18:30h. e 19:45h: Actuacións da orquestra París de Noia.
19:30h: Homenaxe a persoas destacadas na Romaría da Saínza no campo da festa.