
A finais de xullo o Concello do Barco instalaba na rúa Doutor Pérez Lista nove contedores de recollida de residuos sólidos urbanos (4 verdes, 2 amarelos, 1 para vidro, 1 para cartón e outro marrón para residuos orgánicos), despois de que se clausurasen os contedores existentes fronte á praza Maior, con motivo da reforma que se vai levar a cabo no lugar.
Este cambio está a xerar unha serie de consecuencias para a veciñanza da rúa Doutor Pérez Lista, que presentaba no Concello do Barco o 26 de agosto un escrito solicitando a revisión desta medida que consideran que está a xerar problemas de salubridade e tamén pon en risco o paso de peóns pola zona, xa que se trata dunha rúa e dunha beirarrúa moi estreitas e o paso das persoas está ocupado por residuos, o que obriga aos peóns a circular pola estrada, cos perigos que isto pode supor.
“A situación resulta especialmente preocupante durante os meses de verán e, particularmente, durante os actuais episodios de altas temperaturas. A acumulación de residuos e a concentración de numerosos contenedores xunto ás vivendas pode favorecer a aparición de malos olores, proliferación de insectos e outros vectores, contaminación e condicións hixiénico-sanitarias inadecuadas, especialmente cando os recipientes non son obxecto dunha limpeza e desinfección sufiente”, tal e como apuntaban os veciños no seu escrito.
Ademais, expoñían que “obsérvase que os contenedores non son lavados e desinfectados coa periodicidade que sería razonablemente esixible, circunstancia que agrava as condicións de salubridade do lugar”, o que, matizan os veciños non é unha cuestión meramente estética ou de molestias para eles, “senón que afecta directamente ás condicións de hixiene, salubridade e seguridade da vía pública” polo que consideran necesaria unha actuación municipal.
En concreto, o que pide a veciñanza da rúa Doutor Pérez Lista é que os servizos municipais “realicen unha inspección urxente do lugar para comprobar as condicións de salubridade existentes”, ademais dunha revisión “da idoneidade da ubicación e o número de contenedores instalados, tendo en conta a reducida anchura da rúa e da beirarrúa e as molestias que a súa concentración pode ocasionar a veciños e peóns”. Tamén solicitan que se “comprobe o cumprimento dos servizos de lavado, limpeza e desinfección e mantemento periódico dos contenedores, especialmente durante os meses de altas temperaturas”. E, “se se condiera que a ubicación actual ou a concentración de contenedores resulta inadecuada, que se proceda a reubicar e redistribuír os contenedores de maneira que se garantice tanto a correcta prestación do servizo de recollida de residos como as debidas condicións de salubridade e seguridade para a veciñanza”.
Finalmente, no escrito presentado no Concello do Barco, a veciñanza pide que se lles informe das “actuacións adoptadas” como consecuencia desa solicitude e, “no seu caso, da periodicidade prevista para a limpeza e desinfección dos contenedores”.
Esta mesma situación tamén lla expoñían á Consellería de Sanidade, de quen si recibían resposta o 28 de agosto. A consellería comunicáballes que esta cuestión “inclúese dentro das obrigas que corresponden ao ámbito da actuación dos concellos, en virtude da asignación competencial derivada da Lei reguladora das bases do réxime local” e indicabáselles que se lle remitiu copia desa reclamación ao Concello do Barco “para que actúe conforme ás competencias que lle son propias en materia sanitaria, de xeito que en todo momento garanta a protección da salubridade pública”.
Alcalde do Barco: “Non os podiamos levar máis lonxe nin hai outro lugar onde colocalos”
Dende o Concello do Barco, o seu alcalde, Aurentino Alonso, explica as motivacións que levaron a esta nova ubicación dos contenedores e asegura que, tendo en conta das características da zona vella, non ven agora mesmo outra alternativa para reubicalos. “Os contenedores soterrados da praza Maior desparecen coa obra de reforma e alí hai contenedores tanto de fracción resto, que son os verdes, como de amarelo que é o dos envases lixeiros, e hai contenedor de vidro e hai contenedor de cartón, papel, etc. Todo iso desaparece. Entón na rúa Doutor Pérez Lista, facendo esquina coa rúa Álvaro Cunqueiro, que é o mesmo edificio, ata agora estaban os contenedores verdes e o amarelo e non podía haber ningún máis porque ningún dos camións que ten o servizo de recollida pode xirar nese punto, polo tanto, os contenedores que había alí nesa esquina tiñamos que pasar a man dende Pérez Lista para descargalos no camión de recollida de lixo. Agora, aparécenos a maiores o contenedor de vidro e o contenedor de cartón, que tamén hai que implantalos na zona, co cal, complícase a situación. Non os podiamos poñer alí, porque eses non se poden recoller a man, hai que cargalos e descargalos coa grúa do camión, polo tanto, xa non podían ir en Álvaro Cunqueiro, tiñan que ir en Pérez Lista, así que se decidiu reubicar todos na rúa Pérez Lista e facer esa illa, do mesmo xeito que hai illas dese tipo por todo O Barco e en moitos sitios están tamén diante do portal dalgunha casa”.
Alonso explica que a veciñanza de todo o casco vello bota o lixo neses contenedores e “tampouco os podiamos levar máis lonxe que non temos onde, non hai máis lugar para onde levalos. No casco vello xa non hai sitio onde poñelos, porque non hai sitio físico onde poñelos e tampouco os podiamos levar máis lonxe da beirarrúa”.
Con respecto á ocupación da beirarrúa, o alcalde barquense sinala que “está libre e vai quedar libre, porque eses contenedores vanse confinar, igual que en moitos outros lugares do Barco, con ese corraliño que lle facemos de madeira”.
Así mesmo indicaba, que vai haber un informe sobre esta cuestión do arquitecto municipal explicando os motivos desta ubicación, “que está á espera de emitilo porque nos falta tamén un informe da empresa adxudicataria de recollida de lixo relativa ás condicións de salubridade dos contenedores, da periodicidade na recollida e dos labores de limpeza que realizan nos mesmos. Como a veciñanza tamén lle mandou un escrito á Sanidade, nós tamén lle temos que contestar a Sanidade e a empresa tennos que facer ese informe da situación a nivel sanitario”.
Aurentino Alonso indica que a situación desta illa de contenedores é similar a de calquera outra área da vila, “a xente non os quere ao lado da súa casa, pero ao lado da casa do veciño válelles. A nós xa nos gustaría que houbera uns espazos específicos no concello que a todo o mundo lles viñera ben para poñer os contenedores, pero non os hai. Se se dá un paseo por calquera rúa do Barco pode verse por onde están”.
Con respecto á ocupación do espazo da beirarrúa con caixas ou outro tipo de lixo, o alcalde indica que “temos que evitar que iso ocorra e haberá que multar a quen deposite iso, pero o que son os contenedores vanse colocar no recinto que temos en todas partes e antes ese lugar onde agora van os contendores antes estaba ocupado por carga e descarga, co cal non estaba libre tampouco. Tamén invaden a beirarrúa noutros sitios, a Policía Local está pendente e cando localizamos ao infractor, múltase que non queda máis remedio”.
Fotos cedidas.