
O Concello de Ourense vén de presentar un sistema de videocámaras e procesamento de información para a súa incorporación a vehículos da Policía Local. Unha iniciativa orientada a “reforzar a seguridade viaria e dotar aos axentes de ferramentas tecnolóxicas de apoio durante os seus percorridos pola cidade”, explican dende o Concello.
O sistema combina cámaras instaladas nos vehículos con equipos capaces de procesar as imaxes captadas e ler matrículas. Esta tecnoloxía permitirá achegar información aos axentes durante os labores de vixilancia do tráfico e facilitar o seu traballo sobre o terreo.
O obxectivo municipal é “mellorar a capacidade preventiva da Policía Local e apoiar a detección de situacións que poidan comprometer a seguridade de condutores e peóns”, aseguran dende o Concello, indicando que a incorporación destes medios exponse como”unha ferramenta ao servizo dunha mobilidade máis segura e da protección de quen utiliza as vías públicas”.
Durante a presentación abordáronse distintas posibilidades de instalación e cobertura das cámaras. A configuración definitiva do equipamento e o calendario de implantación concretaranse unha vez definidos os aspectos técnicos e administrativos necesarios para a súa posta en servizo.