
A Asociación De Nai a Nai organizará o vindeiro sábado 26 de setembro ás 17h. a xornada “Educar en igualdade de xénero” no Edificio Multiusos do Concello do Barco de Valdeorras. A sesión contará coa participación de Vera Ríos Carrillo, profesional especializada en igualdade de xénero e dereitos humanos, con máis de dez anos de experiencia internacional e traxectoria profesional en ONU Mulleres, en Xenebra. Esta xornada conta co financiamento do Concello do Barco de Valdeorras. Esta actividade vai dirixida a familias, profesorado e a todas aquelas persoas que participan na educación e no acompañamento de nenos, nenas e adolescentes.
“Nos últimos anos estamos observando con preocupación como determinados comportamentos, comentarios e actitudes machistas aparecen a idades cada vez máis temperás. Moitas familias escoitamos na casa frases, chistes ou comentarios que os nosos fillos e fillas traen do seu contorno escolar e social”, explica a presidenta da asociación, Lorena Prada.
Así mesmo, dende De Nai a Nai sinálase que “moitas adolescentes son xa plenamente conscientes do machismo que experimentan por parte dos seus compañeiros e do que segue presente na sociedade. Outras nenas, pola contra, poden chegar a normalizar determinadas condutas sen identificalas como formas de desigualdade ou violencia, precisamente porque forman parte do seu día a día. Esa normalización ten consecuencias. O que hoxe pode parecer «só unha broma» ou «un comentario sen importancia» pode contribuír a construír modelos de relación, expectativas e comportamentos que afectarán ás nosas fillas e aos nosos fillos no futuro: nas súas relacións persoais, na súa maneira de entenderse e de relacionarse, no ámbito laboral e tamén na súa vida familiar e de coidados”.
Por iso dende a asociación barquense entenden que educar en igualdade “é unha ferramenta fundamental tanto para previr como para paliar o impacto do machismo. As familias e os centros educativos somos referentes fundamentais, pero nenos, nenas e adolescentes tamén aprenden do seu grupo de iguais, das redes sociais, dos medios de comunicación e dos modelos que lles ofrece a sociedade. Precisamos, polo tanto, que familias e comunidade educativa camiñemos na mesma dirección, compartindo ferramentas e criterios para detectar, cuestionar e non normalizar aquelas condutas que perpetúan a desigualdade”.
Coa organización desta xornada a asociación pretende “crear un espazo de reflexión, diálogo e aprendizaxe compartida. Queremos que esta sexa unha oportunidade para dotarnos de ferramentas que nos permitan acompañar mellor os nosos fillos e fillas e construír entre todas e todos unha comunidade máis igualitaria e respectuosa”.