EconomíaEconomíaÚltima hora

Novas alianzas para impulsar a promoción e o alcalce do Xacobeo 2027

 

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, e a presidenta do Grupo Lence, Carmen Lence, asinaron un protocolo de colaboración para impulsar entre ambas partes a promoción, comunicación e difusión do Xacobeo 2027 e contribuír a consolidalo como un acontecemento de referencia internacional.

Durante a súa intervención, Marcos Gómez Román destacou a importancia de sumar á celebración do Xacobeo 2027 a empresas como o Grupo Lence tan arraigadas ao territorio e cuxa actividade repercute integramente na comunidade. “Desde a Xunta de Galicia impulsamos un Xacobeo máis participativo e nese obxectivo, exemplos coma o desta empresa ten moito que achegar tanto de coñecemento da nosa realidade como de compromiso cos galegos e galegas”.

O comisario do Xacobeo 2027 subliñou tamén que “a colaboración público-privada no desenvolvemento desta celebración resulta estratéxica, xa que a participación de compañías de referencia como o Grupo Lence repercute de forma moi positiva e multiplica o alcance de toda a súa programación”. A aposta que fai o Grupo Lence “referenda o potencial do Xacobeo como motor de promoción turística, cultural, social e económica de Galicia”, asegurou.

 

 

Marcos Gómez Román salientou a dimensión económica e internacional desta alianza lembrando que “desde a Xunta entendemos o Xacobeo 2027 como un motor económico a longo prazo, fomentando un modelo estable e sostible da man de empresas comprometidas co futuro de Galicia, con efectos que se prolongarán máis aló do 2027”.

O acordo establece un marco de colaboración entre a Xunta de Galicia e Grupo Lence para sumar esforzos na proxección da celebración xacobea, reforzar o posicionamento de Galicia como destino turístico e cultural de excelencia e difundir os valores universais asociados ao Camiño de Santiago.

A colaboración que se inicia este mércores estará vixente ata xuño de 2028 e enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia para facer do Xacobeo 2027 un acontecemento de referencia internacional e aproveitar a súa capacidade para fortalecer a marca turística e cultural do territorio e poñer en valor o Camiño de Santiago.

Back to top button