EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeira Sacra continúa en Ávila o seu ciclo de catas promocionais dirixidas a profesionais da sumillería

Cedida.

 

O Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra continúa en Ávila o ciclo de accións promocionais dirixidas a profesionais da sumillería que iniciou o pasado mes de xuño en Madrid e que tivo continuidade en xullo en Bilbao.

A iniciativa comezaba en Madrid o 18 de xuño, cunha cata dirixida a profesionais da sumillería, e continuou en Bilbao o 6 de xullo, reunindo novamente a profesionais interesados en coñecer en profundidade os viños e o territorio da Ribeira Sacra. Agora, no mes de setembro, a denominación participa na “III Cata Histórica de Vino en los Torreones” de la Muralla de Ávila, que terá lugar o próximo 19 de setembro. Esta nova acción está organizada pola Asociación de Sumilleres de Ávila, en colaboración coa Asociación de Sumilleres de España, e conta co respaldo e a organización do Ayuntamiento de Ávila.

A actividade desenvolverase nos Torreóns da Muralla de Ávila, monumento declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, nunha proposta que combina a divulgación da cultura vitivinícola coa posta en valor dun dos principais elementos patrimoniais da cidade.

Nesta ocasión, a D.O. Ribeira Sacra estará representada por 14 referencias de viño, 4 brancos e 10 tintos, pertencentes a 11 adegas da denominación. Os viños serán presentados e comentados por Juan José Figueroa Treus, presidente da Asociación Galega de Sumilleres, achegando aos asistentes información sobre as características das elaboracións, as variedades e a singularidade do territorio vitivinícola da Ribeira Sacra. A cata contará coa presenza de asociacións de sumilleres de diferentes puntos de España e dos seus asociados, polo que constitúe unha oportunidade especialmente interesante para presentar os viños da denominación ante un público profesional e especializado.

A participación en Ávila dá continuidade así ás accións desenvolvidas polo Consello Regulador ao longo dos últimos meses, cunha estratexia orientada a achegar os viños da Ribeira Sacra directamente aos profesionais da sumillería e favorecer o seu coñecemento e divulgación en diferentes mercados e territorios de España.

Madrid en xuño, Bilbao en xullo e agora Ávila en setembro conforman un ciclo de actividades no que a D.O. Ribeira Sacra continúa reforzando a súa presenza entre os profesionais do sector e dando a coñecer a diversidade dos seus viños e a singularidade dunha viticultura marcada pola orografía, as fortes pendentes e o traballo manual.

Back to top button